Taller práctico de introdución á programación visual e robótica para os nenos hospitalizados no CHUS

Taller robótica CHUS

Javier Pereira, colexiado: “A tecnoloxía é moi atraínte e sorprendente para os nenos e esta actividade axudará a romper coa súa rutina no hospital e espertará o seu interese e ganas de traballar neste campo”

 

A xornada celebrause na Aula Hospitalaria do CHUS

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) impartiu o pasado 16 de maio unha xornada lúdica de introdución á programación visual e robótica na Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) para os nenos e nenas que están hospitalizados.

 

A xornada estivo impartida polo grupo de Tecnoloxía á Investigación en Ocupación, Igualdade e Saúde do CITIC da Universidade da Coruña (UDC), coordinado polo colexiado do CPEIG Javier Pereira Loureiro. Con actividades deste tipo, relacionadas coas novas tecnoloxías, o Colexio profesional pretende fomentar o talento dixital dos nenos e nenas de toda Galicia. O taller é unha oportunidade para achegarse de forma lúdica e divertida á tecnoloxía e á enxeñaría en informática. “A tecnoloxía é moi atraínte e sorprendente para os nenos. A actividade axudará a romper coa súa rutina no hospital e a espertar o seu interese e ganas de traballar neste campo do coñecemento” –sinala Javier Pereira–.

 

Durante a sesión, realizáronse unha serie de exercicios de programación con sinxelas funcións de realidade aumentada. Traballaouse o acceso ao ordenador coa placa MakeyMakey transformando obxectos da vida cotiá –como froitas, utensilios de cociña ou as propias persoas– en mandos para utilizar os xogos deseñados previamente.

 

O obradoiro avanzou coa interacción co ordenador, usando outros dispositivos como o Micro:bit e o Adafruit Playground que permiten interactuar “sen fíos” e aproveitando os xiroscopios de que dispoñen para crear novas experiencias de control dos elementos que se poden ver nunha pantalla de ordenador. Ademais, probaron robots baseados no microcontrolador Arduino, como é o MBOT, onde os máis pequenos poideron ver como é posible cambiar o seu comportamento en función dos sensores integrados, como o son ambiental, a luz ou a distancia a obxectos do contorno.