O CPEIG avoga pola ética profesional como cimento da sociedade dixital no Día Mundial de Internet, que se celebrou o 17 de maio

Reunión CCII

Para mercar en tendas online aconsella aplicar “sentido común, fuxir das gangas e usar webs de confianza”

 

As claves que demostran que unha web é segura son que a dirección comece por HTTS e mostre un cadeado na barra de direccións

 

Con motivo do Día Mundial de Internet, que coincide o 17 de maio en Galicia coa celebración do Día das Letras Galegas, o Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática (CCII) aprobou o “Código deontológico y de ética y práctica profesional”. Representantes dos enxeñeiros en informática de toda España asistiron a un encontro asambleario en Madrid no que se aprobou o código deontolóxico. O presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, que é tamén vicepresidente do CCII e presidente da súa Comisión de Deontoloxía e Ética, asistiu á xuntanza.

 

O “Código deontológico y de ética y práctica profesional” establece o marco de actuación profesional de todos os profesionais da enxeñaría en informática que deben respectar e cumprir unha serie de principios fundamentais no desempeño da súa función, como son a honradez, independencia, lealdade, dignidade e legalidade, entre outros. Tamén recolle este código deontolóxico unha “Declaración de ética profesional”, onde figuran os catro principios xerais de conducta profesional e ética: Protección do interese público e cumprimento legal, responsabilidade con empregados e clientes, dignidade profesional e promoción de obxectivos profesionais, e competencia, responsabilidade e imparcialidade.

 

Fernando Suárez considera a ética profesional como un dos elementos esenciais para a “consecución e sostibilidade da sociedade da información e o coñecemento”. Ademais, insiste na necesidade de aplicar principios éticos no ámbito das tecnoloxías da información, sobre todo en aquelas actividades e servizos de interese xeral, sempre buscando o consenso entre todas as partes implicadas e a implantación de mecanismos de autorregulación.

 

Por exemplo, actualmente a intelixencia artificial está transformando a sociedade. E neste punto, o presidente do CPEIG asegura que o impacto desta tecnoloxía nas xestións realizadas por empresas, Administracións Públicas e cidadanía é enorme. Sobre esta cuestión falou Fernando Suárez nunha charla no Día de Internet no salón de actos do Parque Científico y Tecnológico de Gijón, titulada “¿Hay que tener miedo a la Inteligencia Artificial? Aspectos éticos” e organizada polo CCII, Colegio Oficial de Ingenieros en Informática del Principado de Asturias (COIIPA) e Colegio Oficial de Graduados en Ingeniería Informática e Ingenieros Técnicos en Informática del Principado de Asturias (CITIPA).


   Dispositivos electrónicos “a punto” con antivirus actualizados, usar conexión segura e nunca redes Wifi públicas e ferramentas de pago fiables como PayPal ou tarxetas de prepago

 

Por outra parte, o CPEIG ofrece unha serie de recomendacións con motivo do Día de Internet sobre o chamado e-commerce ou comercio electrónico, un sistema de compravenda de produtos e servizos que está cada vez máis de moda e suma adeptos día tras día.

 

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, explica que cada vez mércase máis de forma online, o que provoca o aumento das transaccións por internet. Asegura que mercar en tendas online é segura, pero sempre seguindo unha serie de pautas de seguridade, e por suposto aplicar o “sentido común, fuxir das gangas e usar webs de confianza”.

 

En concreto, Fernando Suárez indica que as claves que mostran ao usuario que unha web é segura para mercar son que a dirección comece por HTTS e mostre un cadeado na barra de direccións, “sinais que garanten que os datos persoais ou bancarios que se transmiten está cifrados e polo tanto a información é segura”.

 

Pero o comprador debe ter en conta outros aspectos técnicos para o momento das compras online. O CPEIG asegura que é preciso ter sempre os dispositivos electrónicos “a punto” –ordenadores, móbiles, tablets–, con aintivirus instalados e actualizados para descartar virus capaces de recompilar información persoal ou bancaria do dispositivo. Tamén é recomendable usar unha conexión segura a internet, evitando redes Wifi públicas que non ofrecen ningunha garantía de seguridade.

 

Unha vez que se atopa o produto desexado, o CPEIG destaca que o consumidor debe revisar a fondo a información desa tenda online: quen somos, domicilio fiscal, investigar que datos recollen dos usuarios e con que fin, formas de pago e política de envío e devolucións. Tamén é recomendable indagar sobre a tenda online en buscadores, redes sociais e foros e revisar as opinións doutros usuarios.

 

Xa con todo preparado para a compra, o CPEIG recomenda usar ferramentas de pago fiables, como PayPal ou tarxetas de prepago, en vez de dar o número da tarxeta de crédito directamente, aínda que tamén se considera unha práctica segura sempre que a páxina sexa de confianza, ben sexan páxinas de cadeas multinacionais ou do comercio local.