Traballos sobre tecnoloxía na aula de alumnos e profesores de Vedra, A Coruña, Brión, Ortigueira e Tordoia gañan #ApuntasTech?

Día Rapazas TIC 2019

No Día das Rapazas nas TIC, máis de 400 estudantes de dez centros escolares de toda Galicia seguiron por streaming un coloquio entre catro mulleres do mundo das TIC 

 

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participou nas actividades da sétima edición do “Día Internacional das Rapazas nas TIC”, ICT-Go-Girls!, que se conmemorou o 25 de abril, organizadas polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). O evento, de ámbito internacional, foi creado para motivar ás novas xeracións de mozas co fin de que consideren as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.

 

Nesta liña, a enxeñeira en informática, vogal da Xunta de Goberno do CPEIG, Pilar Vila Avendaño, participou nun coloquio virtual xunto a outras tres mulleres profesionais relacionadas co mundo das TIC –a enxeñeira en telecomunicacións Sonia Valladares, a tradutora e  experta en desenvolvemento de software Mercedes García e a experta en desenvolvemento de negocio Leticia Faria–, que compartiron a súa experiencia e responderon ás dúbidas dos máis de 400 estudantes de Primaria e Secundaria de dez centros escolares de toda Galicia que seguiron o encontro dixital por streaming.

 

Ademais, máis de 30 rapaces participaron nos obradoiros e demostracións lúdicas de como as TIC chegan a diferentes ámbitos. Organizáronse visitas didácticas ao superordenador Finis Terrae II, ferramenta de computación destinada a abordar proxectos de investigación, reducindo de modo considerable os tempos de execución das aplicacións actuais. E celebráronse talleres de robótica, de impresión 3D, de iniciación á programación con Scratch, e demostracións de realidade virtual e mixta, Makey-Makey, un kit de creación interactiva, etc.

 

Un total de 31 propostas candidatas ao certame #ApuntasTech?

 

No marco do Día Internacional das Rapazas nas TIC, a Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, o CESGA e o CPEIG, no seu interese por promover as vocacións tecnolóxicas femininas, convocaron o primeiro concurso #ApuntasTech?. A inscrición pechouse con 31 propostas de traballos sobre a tecnoloxía na aula de alumnado, profesorado e profesionais da formación en catro categorías: Primaria, Secundaria, Centros Escolares e Libre. Finalmente, resultaron gañadores os seguintes traballos:

 

-Categoría de Primaria:

·       1º Premio: “Unha nova impresión para a nosa viaxe”. 6 alumn@s de 6º de Primaria do CPI Plurilingüe de Vedra

·       Accésit 1 e 2: Desertos

 

-Categoría de Secundaria:

·       1º Premio: “+Tinkering Apuntastech”. Alumnado de 3º da ESO D do IES Monte das Moas da Coruña

·       Accésit 1: “Recoñéceas”. Alumnado de 3º da ESO B do IES de Brión

·       Accésit 2: Deserto

 

-Categoría Centros educativos:

·       1º Premio: “Girls & STEM”. Patricia Hermida, profesora do IES de Ortigueira

·       2º Premio, *especial do xurado: “Tócala otra vez, Ada”. Conchi Fernández Munín, profesora do IES Monte das Moas da Coruña

·       Accésit 1: “Pequenos códigos para as nosas pequenas”. Jorge Rascado, profesor do CPI Pecalama de Tordoia

·       Accésit 2: “Coñecendo ás vedresas”. Yolanda Neira, profesora do CPI de Vedra

 

* Mención especial ao centro educativo que máis propostas enviou en diferentes categorías: CPI o Cruce

 

-Categoría Libre:

·       1º Premio: “Telegal”. Ana Armada de Telemática Galicia (A Coruña)

·       Accésit 1: “Geometría Fractal”. Sergio Cepeda de Proyecto FractalFun (Madrid)

·       Accésit 2: Deserto

 

O concurso “ApuntasTech?” pretende, dun xeito lúdico e aberto, escoitar a todas as partes implicadas –profesorado e alumnado– para poder reunir as mellores propostas, e xerar un catálogo dinámico para poder traballar as tecnoloxías de forma amena, principalmente na aula, pero tamén fora dela, en actividades extraescolares, en familia, etc.  Posteriormente, elaborarase un catálogo de propostas que axuden a despertar entusiasmo po la tecnoloxía e alenten as vocacións tecnolóxicas temperás, con licencia aberta para a súa descarga na web do concurso, así como en diferentes repositorios de materiais educativos online.