Charlas en Redondela e na parroquia de Chapela para nais e pais sobre navegación segura por internet

Charlas Redondela

 

Iván Luis Vázquez, vogal do Colexio profesional: “Os pais ou titores deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, educándoos no uso seguro e positivo da tecnoloxía e actuando como referentes de comportamento dixital”

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colabora cos Departamentos de Ensino e de Novas Tecnoloxías do Concello de Redondela na organización dunhas charlas de balde dirixidas a nais, pais ou titores sobre “Internet Segura”. As sesións celebraranse mañá xoves, día 14, no Auditorio do Multiusos da Xunqueira (Paseo Xunqueira, s/n) ás 20:00 horas, e o venres, día 15, no Auditorio do Multiusos Piñeiral do Crego (Camino do Piñeiral, 22. Chapela) ás 20:00 horas.

 

O vogal da xunta de goberno do CPEIG, Iván Luis Vázquez, será o experto enxeñeiro informático que impartirá as charlas, destinadas a promover un uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais, especialmente entre nenos e mozos.

 

Iván Luis Vázquez destaca a importancia da ciberseguridade, a privacidade e o uso seguro das TIC na contorna dos menores, co obxecto de protexer a súa reputación na contorna dixital, e polo tanto, na súa vida cotiá. “Os pais ou titores deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, educándoos no uso seguro e positivo da tecnoloxía e actuando como referentes de comportamento dixital” –sinala–. Ademais, puntualiza que os rapaces non deben usar os móbiles sen supervisión, sobre todo a idades temperás, e deben identificar que contidos non son os axeitados para eles, todo isto grazas ao apoio e indicacións dos seus pais ou titores.

 

O CPEIG asegura que conectarse a internet de forma máis segura é posible, aínda que se deben tomar unha serie de precaucións, tanto as persoas adultas como os máis pequenos:

 

Instala un bo antivirus. É unha ferramenta imprescindible para un correcto funcionamento dos equipos cando estean conectados a internet. E na era dos móbiles, as solucións de antivirus tamén deben exportarse a estes dispositivos para facer fronte ás continuas ameazas dirixidas aos usurarios.

 

Actualiza puntualmente os teus equipos. De forma habitual xorden ameazas e non queda máis remedio que  instalar as actualizacións ou parches de seguridade en canto estean dispoñibles. É unha boa opción para protexerse contra virus, ameazas e vulnerabilidades de última xeración.

 

Usa contrasinais e sistemas de protección seguros. Cada vez estamos rexistrados en máis páxinas e servizos. Lembra que as túas contrasinais teñen que ser distintas para cada un dos servizos. É importante tamén usar claves complexas, que conteñan minúsculas, maiúsculas, números e letras. Como método de axuda, pódese usar un xestor de contrasinais para manexar todas as claves con máis comodidade.

 

Usa as redes sociais con cabeza. Os usuarios de redes sociais deben ter coidado co que comparten nelas, xa que non é conveniente compartir información persoal, incluíndo imaxes privadas, direccións postais ou números de teléfono, levando un control exhaustivo das amizades e en redes sociais.