Convocado o X Premio PFC e Mestrado en Enxeñaría Informática cunha dotación económica de 1.000 € para o gañador

Imaxe X Premio PFC e Mestrado

 

 

Os tres finalistas, seleccionados por unha comisión experta, beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta

 

Poderanse presentar traballos ata o 10 de maio e o premio entregarase no marco da "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", que se celebrará o 28 de xuño en Santiago de Compostela

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convoca a décima edición do Premio Proxecto Fin de Carreira e Mestrado en Enxeñaría Informática. O galardón quere ser un estímulo para os estudantes e recentemente titulados ou mestrados en Enxeñaría en Informática.

 

Tal e como se recolle nas bases do certame, poden concorrer ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en informática que presentaran nunha universidade galega o proxecto fin de carreira da Enxeñaría en Informática ou o traballo fin de Mestrado en Enxeñaría Informática nos anos 2017, 2018 e 2019. Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa  (ficha resumo do proxecto, resumo  e memoria completa do mesmo) ata o día 10 de maio ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura están xa dispoñibles no portal www.cpeig.gal.

 

Mediante a organización deste premio, o Colexio profesional busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación gratuíta e a asistir de balde á "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia". O gañador ou gañadora recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os proxectos recibidos e seleccionará o traballo gañador.

 

Noite da Enxeñaría en Informática

 

A convocatoria realizada polo CPEIG insírese nos premios da "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", que o Colexio organizará o día 28 de xuño en Santiago de Compostela. Este evento anual, ademais de representar un punto de encontro entre todos os colexiados, conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.