O CPEIG homenaxea á primeira programadora galega, a falecida Ana María Prieto

Homenaxe Ana María Prieto

 

Nos anos sesenta conseguiu abrirse camiño “con valentía e carácter emprendedor” nunha profesión masculinizada

 

Fernando Suárez, presidente: “Nun presente e futuro dixitais é preciso normalizar a presenza da muller en todos os ámbitos da profesión”

 

Con motivo do Día Internacional da Muller, o Colexio celebrou un acto conmemorativo na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC onde se lle fixo entrega a súa familia dunha figura institucional

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) recoñece a transcendencia para a profesión do labor da primeira programadora galega, Ana María Prieto López, que faleceu en xuño de 2018 aos 76 anos de idade.

 

Con motivo do Día Internacional da Muller, que se festexa o 8 de marzo, o CPEIG celebrou un acto conmemorativo na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago (USC). En nome da homenaxeada asistiron ao evento o seu viúvo Antonio García López e a súa filla Clara García Prieto que recibiron das mans do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a primeira figura institucional do Colexio profesional –peza da marca de cerámica galega Sargadelos–. No acto participaron tamén o director da ETSE, Antonio Mosquera; o ex reitor da USC, Juan Casares Long; o ex director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e vogal do CPEIG, Javier García Tobío; e o xornalista e autor do libro “A historia da informática de Galicia. Unha cronoloxía” (Andavira Editorial/ CPEIG, 2015), Henrique Neira.

 

Segundo o CPEIG, Ana María Prieto López (Santiago de Compostela, 1942- Becerreá, 2018), foi a primeira programadora galega da que se tivo constancia. Xa o Colexio recolleu todo o seu traballo e traxectoria profesional no libro “A historia da informática de Galicia. Unha cronoloxía”, publicación coordinada por Fernando Suárez e Javier García Tobío. Extracto do libro:

 

(1963) Ana María Prieto López realiza un curso de informática na firma Bull General Electric en Madrid, tras o cal é contratada como operadora. Logo fai un curso de COBOL e convértese na primeira muller programadora da empresa, e a primeira galega en programar computadores da que temos noticia. En 1969 trasládase a Compostela para traballar como programadora no centro de cálculo da Caixa de Aforros de Santiago, tarefa que realiza ata 1973. 

 

Na súa intervención, Fernando Suárez dedicou unhas emotivas palabras a Ana María Prieto, unha muller galega que xa nos anos sesenta do século vinte destacou nunha carreira profesional dominada por varóns.  “Deu un paso adiante en prol da igualdade, e a pesar das dificultades, conseguiu abrirse camiño con valentía e carácter emprendedor nunha profesión masculinizada, compaxinándoa ademais coa súa vida familiar” –sinalou–.

 

Neste punto, o presidente insistiu na necesidade actual de incorporar mulleres á carreira profesional de Enxeñaría en Informática, que aínda presenta unhas cifras moi baixas do 12-13% de matriculación nos primeiros cursos da titulación universitaria. “Nun presente e futuro dixitais é preciso normalizar a presenza da muller en todos os ámbitos da profesión, potenciando a representación feminina na Enxeñaría en Informática e noutras disciplinas técnicas” –asegurou–.

 

O CPEIG promociona e recoñece traxectorias femininas, como por exemplo coa entrega do premio Ada Byron a mulleres enxeñeiras en informática no seu evento anual da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia; achega a públicos de todas as idades a relevancia do mundo dixital; e procura destruír mitos irracionais e aproximar a materia de estudio como un obxecto abordable e comprensible.

 

E relacionando a forma de man da peza de cerámica de Sargadelos, Fernando Suárez explicou que a figura representa unha man cibernética que reflicte claramente o poder que a informática exerce actualmente e que inflúe no devir da sociedade.

 

Moi agradecida por este xesto de homenaxe, Clara García Prieto describiu a súa nai como unha muller “humilde” que nunca lle deu a importancia que tiña ao seu traballo nin ao que logrou profesionalmente. “Programar foi a súa vida, e con 20 anos abandonou unha carreira tradicional como a de Farmacia para demostrar o seu amor polas matemáticas” –manifestou, aínda que desta historia e dos seus logros confesou que tiveron conta non fai moitos anos.

 

Antonio Mosquera precisou que a Enxeñaría en Informática segue a ser unha profesión moi masculinizada, situación aínda máis acusada neste últimos anos nos que se aprecia unha certa sensación de retroceso. “Casos como o de Ana María Prieto son fundamentais para que as mulleres teñan a un referente que xa rompeu barreiras” –destacou–.

 

Primeiros pasos da muller na programación informática

 

Ana María Prieto López, filla dun banqueiro e poeta e dunha gran nai dedicada a súa familia, nace en Santiago de Compostela no seo dunha familia numerosa que se traslada a Madrid. Aí vive no Madrid do retiro os xogos da nenez, a presenza dos serenos e dos madrileños tocando nas rúas o organillo ou dos cantes sonando das voces das veciñas polas fiestras. Foi unha gran lectora e sempre destacou por ter un corazón valente e máis libre do que parecía. 

 

Na España dos anos sesenta interesouse por lograr chegar a algo novo, deixando os intentos de formar un futuro asegurado nun mundo cotián como a farmacia, e decantouse sen dubidalo pola informática, buscando naquel Madrid aínda pechado un futuro como entón case ningunha muller se atrevía a facer.

 

Entrou na compañía Bull General Electrics –de casualidade por un anuncio– e coa idea de manter o seu interese nas matemáticas. Desde aquela introdúcese nun mundo de homes, liderado por homes e no que non foi fácil evitar a incredulidade e a envexa de moitos. Programou con macroordenadores que ocupaban estancias enteiras, nun idioma que entón estaba aberto a moi poucos e no que pensaba sen descanso. No seu día a día como programadora, tardaba dous autobuses en chegar ao seu traballo, e moitas tardes volvía a casa dando longos paseos para descansar a súa mente. Sen dúbida foi a súa paixón e a súa forma de ver a vida, ela estaba alí para aquilo e aquilo estaba alí para ela. Pero sucedeu unha fermosa interrelación da que nunca intentou sacar brillo a ningunha historia, nunca foi a súa parte do relato máis importante.

 

Posteriormente, trasladouse á Caixa de Aforros de Galicia, en Santiago, onde traballaría cun ordenador Phillips e posteriormente un IBM. Finalmente pesou máis o seu soño de  formar unha familia, e trasladouse a Becerreá onde seguiría programando a nivel administrativo na súa empresa.