Comunicado de prensa sobre a composición do Consello Galego de Enxeñerías (CGES)

CPEIG imaxe

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) amosa a súa desconformidade en relación á composición do Consello Galego de Enxeñerías (CGES), asociación integrada por oito colexios profesionais galegos de enxeñerías reguladas entre os que non se atopa o CPEIG.

 

Coincidindo coa fundación do CGES o pasado ano, o CPEIG solicitou a súa incorporación dada a súa correspondente representación legal da enxeñaría en informática, “actualmente unha das titulacións de maior número de estudantes e graduados”.

 

A solicitude foi desestimada polo CGES, que xustificou esta decisión alegando que o CPEIG non cumpre os requisitos estatutarios, ao ser a informática unha enxeñaría non regulada. A Enxeñaría en Informática non é a única profesión que non está contemplada no CGES, xa que na mesma situación están a Enxeñaría Técnica en Informática e a Enxeñaría Química, entre outras.

 

O CPEIG expresa o seu malestar ante esta negativa e, polo tanto, manifesta que o CGES non representa ao conxunto das enxeñarías galegas, xa que aproximadamente uns 3.000 profesionais da enxeñaría informática, “unha profesión fundamental para o progreso tecnolóxico de Galicia”, están fóra deste Consello.

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é unha entidade constituída en 2007 en base á Lei de Colexios de Galicia, con estatutos publicados no DOG do 9 de agosto de 2016, recollendo o decreto 100/2016 de 7 de xullo.