Xornada lúdica para achegar o mundo da programación informática á mocidade e aos máis pequenos na ESEI de Ourense

Hora do Código cartel

A actividade, que forma parte da iniciativa global “Hora do Código”, celebrouse o 19 de xaneiro nas aulas da ESEI

 

Organizáronse obradoiros gratuítos de programación de videoxogos, animación e impresión en 3D, pilotaxe de drons ou creación de robots nos que rapaces de 6 a 18 anos poderán estar acompañados dos seus pais 

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (ESEI) organizaron un conxunto de actividades e talleres dirixidos a nenas e nenos de 6 e 18 anos, enmarcado na iniciativa global “Hora do Código” (HourofCode) promovida pola organización Code.org.

 

A xornada, totalmente gratuíta, desenvolveuse o pasado 19 de xaneiro nas aulas da ESEI (Edificio Politécnico do Campus de Ourense) en horario de mañá e de tarde (de 9:00 a 19:30 horas), con prazas dispoñibles para uns 300 rapaces que estiveron acompañados polos seus pais e nais. Ás 11:50 horas celebrarouse un acto de presentación da actividade no salón de actos, no que interviron o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o director da ESEI, Francisco Rodríguez, e fíxose un sorteo de regalos entre os participantes. As actividades desenvolvéronse coa participación de voluntarios colexiados do CPEIG e de docentes especializados nas TICs no ámbito educativo.

 

O obxecto da iniciativa é achegar, dunha forma lúdica e divertida, o mundo da programación á rapazada. Ademais, pretende estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación. 

 

O tesoureiro do CPEIG e director da ESEI, Francisco Rodríguez, sinala que esta actividade está deseñada para que a mocidade entenda as bases e fundamentos da programación. “Aínda que os rapaces nun futuro non desenvolvan unha profesión como a enxeñaría informática, a nosa sociedade evoluciona cara unha totalidade de produtos que inclúen software dalgún tipo, e entender as bases da programación fará que comprendan mellor o funcionamento destes elementos e poidan obter todas as vantaxes que ese coñecemento proporciona” –explica. 

 

Impartiranse en paralelo diversos obradoiros, indicados para as distintas idades, sobre iniciación á programación, iniciación á programación con Scratch, iniciación á programación de dispositivos con Arduino, cine e vídeo en 3D, impresión en 3D, drons, realidade virtual e Nenoos Tech:

 

·       Iniciación á programación: Sesións dunha hora e media na que os cativos (recomendado entre os 6 e os 10 anos) poden aprender a programar con xogos de Minecraft, Disney, Starwars ou Frozen. As nais e pais poden acompañar os pequenos e tamén aprender. Haberá diversos grupos en distintos horarios.

 

·       Iniciación á programación con Scratch: Sesións dunha hora e media na que os cativos (recomendado entre os 10 e os 18 anos) poden aprender a programar con Scratch. As nais e pais poden acompañalos e tamén aprender. Haberá diversos grupos en distintos horarios.

 

·       Iniciación á programación de dispositivos con Arduino: Unha única sesión de 3 horas (recomendado entre os 10 e os 18 anos) poden aprender a programar e controlar pequenos dispositivos con Arduino. As nais e pais poden acompañalos e tamén aprender.

 

·       Cine e Vídeo en 3D: Creación dun escenario de animación onde as leis da física pódense configurar ao seu gusto. Figuras 3D, iluminación, puntos de vista da cámara, todo isto contrólase empregando Alice 3.0. As nais e pais poden acompañalos e tamén aprender.

 

·       Coñece a impresión en 3D: Sesións dunha hora (recomendado entre os 6 e os 18 anos) onde se pode ver e aprender como se fan pezas e se traballa con impresoras 3D. As nais e pais poden acompañalos e tamén aprender. Hai dúas sesións en distintos horarios.

 

·       Coñece os Drons: Sesións dunha hora (recomendado entre os 6 e os 18 anos) onde se pode ver e aprender como funcionan os drons, desde os de xoguete ata drons de traballo profesional. Os nenos poderán voar os drons en modo carreira (versións de drons apto para cativos). As nais e pais poden acompañalos e tamén aprender. Hai varias sesións en distintos horarios.

 

·       Crea o teu mundo - Realidade Virtual: Sesións de hora e media (recomendado entre os 10 e os 18 anos) onde os participantes poderán crear o seu propio mundo e navegar por el con gafas de realidade virtual. Haberá dúas sesións en distintos horarios.

 

·       Nenoos Tech: Sesións de corenta e cinco minutos (para participantes entre os 6 e os 9 anos). Este taller combina deseño, construción, matemáticas e ciencias para aprender por medio da robótica e a programación de forma divertida. 

 

A “Hora do Código” está promovido desde 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org®. Trátase dun evento internacional que consiste nunha introdución dunha hora de duración ás ciencias da computación, deseñada para mostrar que todo o mundo pode aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta disciplina. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg. 

 

Code.org é un organismo público sen fins de lucro dedicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación.