Uns 200 rapaces, de 10 a 17 anos, participaron nunha xincana tecnolóxica na Cidade da Cultura

  • CPEIG e AMTEGA organizaron esta xornada final do programa Tech Kids, destinado a potenciar o talento dixital na mocidade galega
  • O director do festival de animación Mundo Digitales, Manuel Meijide, e o cofundador da produtora audiovisual Illusorium Studios, Raúl Rocha, ofreceron unha conferencia sobre a creación dixital na industria do entretemento

Xornada final Tech Kids

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizaron o domingo, 18 de novembro, a xornada final do programa “Tech Kids”. O evento celebrouse no Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.

A actividade destinouse a estimular o talento precoz no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, así como fomentar o atractivo vocacional de profesións científico-tecnolóxicas entre a poboación máis nova. En concreto, a actividade contou coa participación de aproximadamente 200 rapaces e rapazas de entre 10 e 17 anos. Organizouse unha xincana tecnolóxica con tres sets independentes: vídeo mapping interactivo, panel de chroma key e jam musical, ademais de varios talleres de drons. O evento foi gravado cun dron e creouse un vídeo promocional que puxo o broche final a esta xornada educativa e lúdica. 

No set de vídeo mapping interactivo, os participantes puideron controlar en tempo real distintas figuras xeométricas proxectadas, sen tocar ningún dispositivo e utilizando as tecnoloxías madmapper, leap motion e midifighter. O sistema é un “puzzle interactivo” onde os rapaces deberán organizar os cadros de maneira que se mostre correctamente a proxección resultante, co obxecto de compoñer un vídeo nas caras frontais dos cubos mediante movementos aéreos.

No panel de chroma key, os participantes posaron diante dun sistema de subtracción de fondo para aparecer dentro dun escenario proxectado en tempo real. Disporase dunha pantalla de fondo verde para que os rapaces se poidan ver dentro dun escenario, imaxe que será proxectada nunha parede do recinto.

No jam musical, os rapaces poderán tocar música mediante un sistema informático de música en directo, configurado para que ata tres persoas participen simultaneamente. O sistema restrinxe as escalas musicais dos instrumentos e recoloca a posición das notas.

Os rapaces puideron participar tamén en talleres teórico-prácticos de drons aéreos e terrestres, onde se lles explicou todo o relacionado co uso legal destes aparatos, así como conceptos básicos de electrónica, mecánica e responsabilidade. O obxecto é que os rapaces coñezan este sector e as súas posibilidades laborais. Ofreceuse unha exhibición de voo de drons de diferentes tamaños na que participarán os máis pequenos.

As posibilidades laborais da creación dixital na industria do entretemento

Ademais, a xornada contou cunha conferencia sobre “Mundos dixitais” que impartiron o director e fundador do Festival Internacional de Animación, Videoxogos e Infoarquitectura Mundos Digitales, Manuel Meijide, e o confundador da productora audiovisual Illusorium Studios – recoñecido estudio de postprodución nacional especializado en 3D–, Raúl Rocha.

Manuel Meijide explicou as posibilidades que mozos e mozas, apaixoados polo mundo da creación dixital para a industria do entretemento, teñen hoxe en día neste sector en auxe que demanda multitude de profesionales cualificados.

Pola súa parte, Raúl Rocha, explicará o proceso de creación de personaxes tal como se realiza nun estudio profesional, a través de exemplos prácticos nos que mostrará desde os primeiros deseños a man do personaxe ata como convertilo nun modelo dixital que pode manipularse como se existira en realidade.

673 rapaces participaron nas 57 xornadas celebradas este verán nas Aulas CeMIT de Galicia

O CPEIG e Amtega organizaron nos meses de xullo, agosto e setembro unhas xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos ou películas de animación, enmarcadas no programa “Tech Kids”, destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega. Organizáronse 57 xornadas nas Aulas CeMIT de diversos concellos das catro provincias galegas nas que participaron 673 alumnos e alumnas.