O CPEIG e AMTEGA inaugurarán o 16 de outubro o curso superior de administración electrónica na EGAP

Sesión inaugural Curso E-Administración

O vogal asesor do Departamento de Gestión Tributaria da AEAT, Domingo Molina, e o experto en procesos de transformación dixital das Administraciones Públicas Carlos González Luis ofrecerán un relatorio maxistral sobre o presente e futuro da E-administración

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) inaugurarán o vindeiro martes, 16 de outubro, o “Curso Superior de Administración Electrónica”. O acto, que estará aberto ao público en xeral, será ás 11:00 horas no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela.

 

O acto inaugural estará presidido pola directora de AMTEGA, Mar Pereira Álvarez, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez Campos, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo. A continuación, celebrarase un relatorio maxistral, titulado “Presente e futuro da administración electrónica”, que será impartido polo vogal asesor do Departamento de Gestión Tributaria da Agencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Domingo Molina Moscoso, e o socio de Consultoría de Sector Público EY, Carlos González Luis.

 

Este curso pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da nosa Comunidade. Os contidos do programa enfocarán desde distintas perspectivas a administración electrónica para que as persoas ás que se dirixe adquiran ou perfeccionen os coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito, completando a súa formación no dereito da informática. O presidente do CPEIG sinala que o curso sempre ten una alta demanda de matrículas e conta con profesionais de recoñecido prestixio en cada unhas das materias a abordar no seu transcurso.

 

A formación, que conta con 80 prazas, está destinada a persoal empregado público, en situación de servizo activo da Administración autonómica e entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia. Celebrarase do 16 de outubro ao 27 de novembro, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.