O CPEIG organiza con Amtega un taller de creación de personaxes de animación impartido polos creadores de Tadeo Jones

Taller Mundos DigitalesCelebrarase mañá xoves e o venres no marco do congreso internacional "Mundos Digitales" no Palexco da Coruña, de 10 a 13 horas

Participarán gratuitamente dez rapaces que aprenderán a crear un personaxe desde o seu deseño na fase de Concept Art ata o seu modelado en 3D

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza un taller xuvenil de “Creación de personaxes. Do deseño 2D ao modelado 3D” conxuntamente coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), que se celebrará mañá xoves e o venres 6 de xullo, entre as 10:00 e as 13:00 horas, no Palexco da Coruña dentro das actividades da XVII edición do Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Media –Mundos Digitales–, o evento de referencia para a industria da animación e efectos visuais en España dirixido e impulsado por Manuel Meijide.

 

Este taller, impartido polos creadores de Tadeo Jones, é unha actividade enmarcada no programa TechKids do CPEIG con Amtega. Os máis pequenos aprenderán a crear un personaxe desde o seu deseño na fase de Concept Art ata o seu modelado en 3D. Ademais, coñecerán os trucos necesarios para enfrontarse aos puntos clave do proceso, como son a anatomía, dimensións, proporcións, sensacións que debe transmitir, así como a ambientación e historia do personaxe. 

O taller, de seis horas de duración, está destinado a rapaces e rapazas de 14 a 18 anos que soñan con ser deseñadores de personaxes. Participarán gratuitamente no obradoiro dez rapaces, elixidos entre todos os participantes no concurso de debuxos onde tiñan que recrear un monstro e un neno ou nena, deseñados con calquera técnica artística e materiais (lapis de cores, rotuladores, pastel, témpera, collage, etc.) e en calquera formato ou soporte (papel, cartón, dixital, etc.).