Fallo dos premios anuais da “X Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se entregarán o 15 de xuño en Santiago

Logo 10 Noite

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) falla os premios da “X Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”. Son nove distincións anuais que corresponden a diversas categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.

 

O Colexio profesional premiou na categoría e-Inclusión ao proxecto Digitalizadas(https://www.digitalizadas.org/) polos valores que fomenta ao desenvolver competencias tecnolóxicas que permiten a mulleres, especialmente da contorna rural, aumentar a súa influencia persoal e profesional en Internet. Os obxectivos son reducir a brecha de xénero, promover a inserción social e laboral das mulleres, protexer os seus dereitos e seguridade no eido dixital, e xerar unha rede de dixitalizadoras, é dicir,  unha comunidade de mulleres con maior interese no uso da tecnoloxía para fomentar o emprendemento e o autoemprego, que aportan experiencias e referentes empresariais locais femininos. O programa foi posto en marcha pola Fundación Cibervoluntarios, Fundación Mujeres e Google.org, coa colaboración do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad.

 

Na categoría de iniciativa Emprendedora a distinción recaeu na aceleradora Vía Galicia, por dar soporte e asistencia na súa fase inicial a emprendedores e empresas, aportando capital semente, formación, infraestruturas e asesoramento intensivo. Vía Galicia é un ecosistema para emprendedores, situado en Nigrán e promovido pola Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia. Esta aceleradora cre nas persoas e nas ideas e axuda a facer realidade un proxecto baixo un modelo de negocio rendible e sostible. Busca emprendedores con proxectos innovadores, acelerables, investibles e relevantes. Ata a data, Vía Galicia avaliou máis de 1.000 ideas de negocio, conta con 68 empresas aceleradas e 157 proxectos impulsados, cunha xeración de 338 postos de traballo.

 

No premio iniciativa Empresarial, o CPEIG recoñeceu o labor de ISMS Forum por incentivar o fomento da seguridade da información a través da promoción do desenvolvemento, coñecemento e cultura da Seguridade da Información en España e actuar en beneficio de toda a comunidade implicada no sector. A Asociación Española para el Fomento de la Seguridad de la Información (ISMS Forum Spain) é unha organización sen ánimo de lucro fundada en 2007 e creada cunha vocación plural e aberta, que se configura como un foro especializado de debate para empresas, organizacións públicas e privadas, investigadores e profesionais onde colaborar, compartir experiencias e coñecer os últimos avances e desenvolvementos en materia de seguridade da información. ISMS Forum Spain ten xa a máis de 160 empresas asociadas e máis de 900 profesionais asociados polo que é a maior rede activa de organizacións e expertos comprometidos coa seguridade da información en España.

 

Miriam Pena, unha das maiores autoridades mundiais en Erlang

 

O premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en informática, recaeu este ano en Miriam Pena. O CPEIG valorou a súa meteórica progresión profesional, seleccionada pola plataforma Women 2.0 como unha das doce enxeñeiras máis importantes en Silicon Valle en 2018. A enxeñeira, natural de Bueu, traballa actualmente na compañía de software publicitario AdRoll en San Francisco (EEUU), onde desempeña a función de staff engineer -–enxeñeira de plantilla–, un dos postos máis relevantes dentro dunha compañía tecnolóxica onde se encarga de deseñar e implementar partes críticas da infraestrutura de ofertas en tempo real. AdRoll desenvolve solucións que conseguen que as persoas volvan a unha páxina de Internet publicando anuncios personalizados nos dispositivos, a web e as redes sociais. Titulada por la Facultade de Informática de la Universidade da Coruña, Miriam Pena conta con máis de 10 anos de experiencia en sistemas escalables, de alto rendemento e concorrencia (execución de múltiples tarefas interactivas). Antes de traballar en AdRoll prestou consultoría especializada en Erlang –unha linguaxe de programación deseñado por Ericsson– en Suecia, España, Exipto e Estados Unidos para proxectos que van desde automóbiles ata redes sociais e telecomunicacións, polo que  esta enxeñeira é considerada unha das maiores autoridades mundiais en Erlang.

 

O CPEIG quere, mediante a concesión do Ada Byron, visibilizar a participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovación, investigadoras e líderes “dun sector que ten a responsabilidade e o compromiso de ir á cabeza na saída da actual crise económica”. Segundo o Colexio, as mulleres teñen que  ocupar un lugar central na Sociedade da Información e do Coñecemento, posto que “só así se poderá garantir unha tecnoloxía e unha sociedade verdadeiramente igualitarias”. O premio Ada Byron recibe o nome da escritora e matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica de Charles Babbage e está considerada como a primeira programadora. Deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir máis alá dos simples cálculos numéricos.

 

Na categoría de iniciativa da Administración, o Colexio distinguiu ao Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE), unha entidade de referencia para o desenvolvemento da ciberseguridade e da confianza dixital dos cidadáns, con especial interese nos menores, e tamén nas empresas, sobre todo en sectores estratéxicos. Esta sociedade estatal, dependente do Ministerio de Energía, Turismo y Agenda Digital a través da Secretaría de Estado de Sociedad de la Información y la Agenda Digital, desenvolve ademais unha parte importante do seu traballo en colaboración coas Fuerzas y Cuerpos de Seguridad del Estado.

 

O CPEIG distingue a misión de INCIBE, destinada a reforzar a ciberseguridade, a confianza e a protección da información e a privacidade nos servizos da sociedade da información, aportando valor a cidadáns, empresas, Administracións, rede académica e de investigación española, sector das tecnoloxías da información e as comunicacións e sectores estratéxicos en xeral. 

 

No premio Traxectoria Profesional, o colectivo recoñece o percorrido profesional de Lucía Ardao. Licenciada en Informática e Máster en Telemática pola Universidade da Coruña, programa de Alta Dirección AMP da IE Business School e programa Executiva da Xunta de Galicia son algúns dos méritos académicos de Ardao.

 

Desde o inicio da súa carreira profesional en 1996, a súa traxectoria está vinculada a empresas do sector das Tecnoloxías da Información e as Telecomunicacións, desde spin-offs a empresas de software e consultoras, ocupando distintos postos de dirección rexional e corporativa de unidades de negocio e operacións en empresas como Denodo Technologies, Softgal ou Tecnocom. Actualmente é responsable do Negocio de TI de Indra en Galicia.

 

Indra é líder mundial no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas integrais en campos como defensa e seguridade, transporte e tráfico, enerxía e industria, telecomunicacións e media, servizos financeiros, procesos electorais, e Administracións Públicas e sanidade e de transformación dixital a través de Minsait. No exercicio 2017, Indra tivo uns ingresos de 3.011 millóns de euros, 40.000 empregados, presenza local en 46 países e operacións comerciais en máis de 140 países.

 

En relación ao premio Colexiado de Honra, o CPEIG decidiu conceder esta distinción especial ao presidente do Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática (CCII), Juan Pablo Peñarrubia. Anteriormente presidente do colexio valenciano, compaxina o seu labor colexial coa xefatura do departamento de Innovación na Deputación de Valencia. O Colexio galego ofrécese esta gran distinción por se un “traballador infatigable en busca da regulación da enxeñaría en informática e a defensa da profesión en todo o seu alcance”.

 

Nesta décima edición de A Noite, o CPEIG creou unha nova categoría, o premio 10º Aniversario de A Noite, distinción de agradecemento a empresas pola súa constancia no apoio ao longo destes dez anos de A Noite: Telefónica, Plexus, HP, Bahía e Xunta de Galicia.

 

Finalmente, o CPEIG convocou o Premio Proxecto Fin de Carreira e Máster en Enxeñaría Informática. O galardón, que ten unha dotación económica de 1.000 euros para o traballo gañador –mentres que o resto de distincións recibirán unha estatuíña–, quere ser un estímulo para os estudantes e recentemente titulados en Enxeñaría en Informática ou Máster en Enxeñaría Informática. O premio recaeu en José Joaquim de Moura Ramos polo seu proxecto “Reconstrución 3D da árbore arterio-venosa da retina a partir de imaxes OCT” como traballo fin de máster na Universidade da Coruña. Ademais, os tres finalistas beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta. Mediante a organización deste premio, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes.

 

X Noite e cea de gala no Hotel Monumento San Francisco

 

O CPEIG celebrará o acto de entrega destes galardóns o vindeiro 15 de xuño na “X Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, nunha cea de gala no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela a partir das 20:00 horas.

 

Está previsto que preto de 400 convidados asistan ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do empresariado, da Administración Pública, do ámbito universitario e profesionais. A Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.

 

O CPEIG constituíuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, o Colexio agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolven actividades propias da profesión en Galicia. Na actualidade, o CPEIG suma máis de 350 colexiados e colexiadas.

 

http://www.anoite.gal/