CPEIG e Amtega porán en marcha o programa Tech Kids para fomentar o interese pola tecnoloxía entre os rapaces

Convenio Amtega

O presidente do Colexio profesional, Fernando Suárez, e a directora da Axencia autonómica, Mar Pereira, asinaron hoxe un convenio de colaboración para desenvolver este programa

Tecnolóxica de Galicia continúa a desenvolver as medidas previstas na Axenda Dixital de Galicia 2020 en colaboración cos axentes do sector. Con este obxecto, a directora da Amtega, Mar Pereira; e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez; ademais dos presidentes do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática, Marcos Mata; e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións, Julio Sánchez Agrelo; renovaron esta mañá a cooperación que veñen mantendo nos últimos anos coa sinatura dun acordo de colaboración con máis dunha decena de liñas de actuación, que se desenvolverán ao longo deste ano.

Cun orzamento público total de 135.000 euros as tres entidades porán en marcha novas actuacións como o Programa TechKids co CPEIG, para impulsar as vocacións STEM entre os máis novos; unha xornada de difusión sobre o 5G coa AETG ou unha campaña de sensibilización sobre a presenza das mulleres na informática co CPETIG. Estas iniciativas súmanse a outras xa consolidadas como unha nova edición da Xornada de Informática Xudicial e Delitos informáticos, o asesoramento en materia de telecomunicacións ou xornadas formativas para profesionais.

O CPEIG porá en marcha este ano o Programa Tech Kids para fomentar o interese pola tecnoloxía entre os rapaces de 10 a 16 anos con actividades como desenvolver aplicacións para dispositivos móbiles; deseñar e crear o seu propio videoxogo ou crear contidos dixitais. Todo isto para impulsar as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). O programa terá unha sesión inicial en Santiago para continuar con outras 20 xornadas en distintos puntos da Comunidade.

 

O CPEIG realizará tamén ata 6 cursos de distintas temáticas orientados a especialización de profesionais do ámbito TIC, que combinarán a modalidade semipresencial e de teleformación para facilitar a participación. As actuacións previstas polo CPEIG completaranse con actividades de difusión para profesionais, organismos e empresas do sector TIC galego en temas de investigación, tendencias de mercado, innovación, etc.