CPEIG e CESGA convocan o I concurso de memes no que cada participante poderá presentar tres creacións orixinais

Minecraft EDU

 

No Día Internacional das Rapazas nas TIC, que se conmemora o 26 de abril, o Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) impulsa e colabora co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) nunha xornada que se se celebrou na sede do organismo en Santiago de Compostela (Avenida de Vigo s/n).

 

O evento de ámbito internacional foi creado para motivar ás novas xeracións de mozas, co fin de que consideren as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.  E en concreto esta actividade do CPEIG e o CESGA, "Día das Rapazas nas TIC 2018", diríxese a combater tendencias, prexuízos e estereotipos e incrementar a presenza feminina no ámbito profesional TIC galego, unha presenza sen a cal a sociedade dixital non dará avanzado nin progresado. A xornada tamén porá de relevo cifras inadmisibles, como por exemplo a que reflicte a porcentaxe profesional feminina no ámbito da creación de ferramentas e contidos dixitais, que é só do 9% actualmente.

 

Memes feitos con calquera tipo de imaxe, debuxo ou fotografía para Instagram

 

O CPEIG e CESGA convocan o I concurso de Memes “Rapazas e Tecnoloxía, unha actividade incluída no "Día das Rapazas nas TIC 2018" que ten por obxecto provocar a reflexión sobre o papel activo das rapazas e as mulleres no mundo tecnolóxico cunha linguaxe nova e divertida. Poderán participar no concurso rapaces e rapazas nados ou residentes en Galicia de entre 10 e 18 anos.

 

Os participantes poderán usar calquera tipo de imaxe, debuxo ou fotografía orixinais, excepto as que teñan unha natureza abertamente racista, violenta, sexual ou vexatoria (a organización do concurso resérvase o dereito de retirar as imaxes que considere inadecuadas). O meme deberá ser feito polo participante e non terse empregado antes. Non se aceptarán traducións ou plaxios doutros memes, ou fotos protexidas por dereitos de autor. Cada participante poderá participar cun máximo de tres creacións. 

 

Haberá dous modos de participación, ben a través dunha publicación na súa conta de Instagram, acompañada do hastag #RapazasNasTIC, ou subir o meme á páxina http://www.ictgogirls.eu/gl/dia-de-las-chicas-en-las-tic/concurso/ indicando o nome e dirección de correo de contacto. Os memes enviados á páxina do concurso aparecerán publicados na conta de Instagram https://www.instagram.com/elearningcesga.gal/, e na web do concurso aparecerá unha galería interactiva con todas as imaxes que participan no concurso.

 

O certame comezará o día 26 de abril e o prazo para presentar os memes rematará o 17 de maio ás 24:00 horas. O xurado estará composto por cinco persoas, organizadoras do evento “Día das Rapazas nas TIC 2018” e pertencentes ou nomeadas polo CPEIG e CESGA. O resultado será anunciado o día 18 de maio, a través da propia páxina do concurso, e mediante a conta de Instagram:  https://www.instagram.com/elearningcesga.gal/. Haberá un primeiro premio, consistente nun kit de robótica, e tres accésit que recibirán unha cunca conmemorativa do “Día das Rapazas nas TIC 2018”. As bases do concurso están publicadas en http://www.ictgogirls.eu/gl/dia-de-las-chicas-en-las-tic/concurso/.

 

Coloquio virtual entre mulleres emprendedoras do ámbito das TIC e estudantes de Secundaria

 

A xornada comezou pola mañá e contou cun coloquio virtual onde varias mulleres emprendedoras galegas –investigadoras e tecnólogas no eido das TIC– atenderán, desde as salas do CESGA, calquera pregunta que formulen por streaming os estudantes, desde os seus centros de Secundaria e Primaria, sobre os seus campos profesionais ou razóns persoais que as levaron a traballar no ámbito tecnolóxico-dixital.

 

As convidadas deste ano foron: María José Durán (Enxeñeira en Informática e fundadora da tenda en liña Potingues Verdes); Ana Cidre (Experta en desenvolvemento de tecnolóxica, organizadora de GDG Vigo e fundadora do grupo GalsTech. Ten un grao en Belas Artes e un máster en negocios e economía internacional. A día de hoxe é unha desenvolvedora de software especializada en Angular); Susana Rey (Enxeñeira en Telecomunicacións, máster en Seguridade da Información e responsable de Seguridade en R); Cecilia Grela (Enxeñeira en Informática, máster en Consultoría en Software Libre e desenvolvedora de programas en múltiples proxectos de I+D+i –entre outros, o ICT-Go-Girls!–, así como formadora en TIC).

 

Pola tarde, o CPEIG organizou unha master class sobre o videoxogo Minecraft EDU, unha plataforma de aprendizaxe que permite mediante a construción de proxectos colaborativos o desenvolvemento de diversas habilidades nunha contorna orixina, motivante e activa. Cunha instrución previa, os nenos e nenas participantes aprenderon a escribir código e programar na ferramenta educativa cuns exercicios de media hora de duración. 

O CPEIG e CESGA son impulsores do proxecto europeo ICT-Go-Girls! (promoción do emprendemento das rapazas de Educación Secundaria a través das TIC). A iniciativa diríxese ás rapazas dos primeiros anos de Secundaria para proporcionarlles unha imaxe “máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico” e lograr así unha maior presenza feminina no eido das TIC.