CPEIG, Fegamp e Amtega organizaron unha xornada sobre a nova normativa de protección de datos destinada a concellos

O encontro, que se desenvolveu no Edificio Cersia de Santiago, contou coa participación dun centenar de técnicos
Xornada Lei Protección de Datos

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou unha xornada técnica e divulgativa sobre o impacto do regulamento xeral de protección de datos sobre a actividade dos concellos e Administracións Públicas, organizada en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega). Celebrouse durante a mañá no Edificio Cersia de Santiago de Compostela. O encontro, no que participaron un centenar de técnicos, foi inaugurado pola directora da Amtega, Mar Pereira; o vicepresidente executivo da Fegamp, Manuel Mirás; e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.

As Administracións Locais, ao igual que o resto de Administracións Públicas, son responsables e encargadas de tratamentos de datos persoais no desenrolo de moitas das súas actividades. Neste marco, o Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD) terá un forte impacto sobre os cidadáns, empresas e Administracións públicas, e requirirá un gran esforzo de adaptación ao novo marco legal por parte de todos. 

O Regulamento Europeo de Protección de Datos (RXPD) foi publicado en maio de 2016, entrando en vigor nese mesmo mes, e será de aplicación a partir do 25 de maio de 2018, polo que todas as modificacións no tratamento de datos que deban realizarse terán que estar preparadas para esa data.

“O novo regulamento de protección de datos suporá unha garantía adicional e seguridade para os cidadáns, especialmente nas súas relacións electrónicas. Isto supón un reto para concellos e resto de Administracións Públicas que terán que facer un gran esforzo para adaptarse a esta normativa de alcance europeo. Entre as principais novidades destacan a realización dunha análise de riscos, o consentimento verificable para a obtención de datos de carácter persoal e a creación da figura do delegado de protección de datos” –indicou Fernando Suárez–.

Desde o CPEIG confían que este regulamento supoña tamén un punto de inflexión de cara á concienciación da necesidade dunha regulación profesional, xa que é obvio que asuntos críticos como a seguridade xurídica e física das persoas deben ser garantidos por profesionais coas competencias e coñecementos acordes á súa responsabilidade.

Na súa intervención, Manuel Mirás destacou que os concellos “somos os primeiros que temos que aplicarnos o conto e ser máis esixentes con nós mesmos e cos nosos veciños” á hora de cumprir a lei en calquera materia. “Non só temos que mellorar nós, as demais administracións tamén teñen que esforzarse e apoiarnos economicamente, informarnos, axudarnos coas estratexias de cambio de mentalidade, ofrecernos campañas informativas, pero sobre todo non darnos máis competencias sen acompañalas dunha memoria económica que clarifique os gastos e quen se fará cargo deles” –sinalou o vicepresidente executivo da Fegamp–. 

O tamén alcalde de Oroso indicou que desde a Fegamp, ademais de pedir vehementemente a necesidade de aclarar os ámbitos competenciais e de facer orzamentos de custo dos servizos, decidiuse apoiar aos concellos nesta época de cambios con formacións en diferentes materias, e por iso tan só no mes de marzo organizou varias xornadas formativas dirixidas aos concellos e aos seus representantes e técnicos/as.

Coa celebración desta xornada sobre o novo regulamento preténdese dar a coñecer dun xeito práctico, obxectivo e participativo as novidades que comportará a entrada en aplicación desta normativa para os concellos, deputacións e demais Administracións Públicas. Ademais, servirá para concienciar da necesidade de adaptarse progresivamente ás novidades introducidas antes do 25 de maio del 2018, momento no que será de obrigado cumprimento. Os relatores encargados de explicar estas novidades foron o profesor de Dereito Constitucional e director do Centro de Estudos de Seguridade (CESEG-USC), José Julio Fernández; a directora Xeral de UNIVE Avogados, Carmen Cas; o xefe do departamento de Seguridade en Amtega, Gustavo Herva; e o doutor en Dereito e director do Master Protección e Tratamento de datos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Daniel Neira.