O CPEIG impartiu unha charla sobre as redes sociais e internet no CEIP Noalla-Telleiro de Sanxenxo

O colexiado Iván Luis analizou as vantaxes e perigos do mundo dixital, ademais de ofrecer aos escolares e aos pais e nais recomendacións para unha navegación segura. A xornada, que foi de balde, celebrouse na biblioteca do centro escolar, organizada polo propio colexio, a Anpa O Telleiro e a Asociación de Veciños San Esteban de Noalla
Noalla_TelleiroO Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) impartiu o 25 de xaneiro unha charla de balde no CEIP Noalla-Telleiro (Estrada. da Lanzada, 140. Noalla), do Concello de Sanxenxo, sobre as “Redes sociais e internet: vantaxes e desvantaxes”. A charla, organizada polo colexio, a Anpa O Telleiro e a Asociación de Veciños San Esteban de Noalla, celebrouse na biblioteca do centro escolar.  
A xornada informativa, dirixida a escolares, pais, nais ou titores, organízase con motivo do Día da Protección de Datos –efeméride que se conmemora o 28 de xaneiro, promovida polo Consello de Europa, a Comisión Europea e todas as autoridades de protección de datos dos países membros da Unión Europea–, e estará impartida polo colexiado Iván Luis Vázquez. O experto analizou a evolución da sociedade, “unha máis dixital que cambia os seus costumes para comunicarse”, e onde xorden termos como o nativo dixital ou os nacidos a partir de 1980 e o inmigrante dixital ou aquelas persoas que naceron entre 1940 e 1980.  
Pero de maneira máis ampla, Iván Luis explicou que é internet e os seus usos como un medio de comunicación para “informar, comunicar e entreter”. Ademais, analizará a influencia das redes sociais, falando de conceptos como a identidade dixital ou a pegada dixital. Segundo o estudo “Screening do uso problemático de internet entre os adolescentes da comunidade galega”, elaborado en 2014 pola Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago e o Valedor do Pobo para coñecer os hábitos de uso de internet entre os estudantes de ESO en Galicia (255 centros participantes e 44.051 adolescentes de 12 e 17 anos), un 71% dos enquisados afirmaron que usaban a diario internet, o 13,5% conéctase máis de 5 horas ao día (22,9% no fin de semana) e un 81% accede a través do seu móbil.  
Iván Luis tamén falou dos perigos de internet, desde o feito de consumir ou xerar contido desaxeitado ou falso, sentir a obriga de estar sempre conectado e sufrir roubo de información ou suplantación de identidade. Fixo especial fincapé en algo máis cotián, pero non menos perigoso como é a perda da intimidade, privacidade e confidencialidade, onde xorden delitos como o coñecido ciberbullying no que rapaces e rapazas empregan as redes sociais e a mensaxería instantánea para agredir psicoloxicamente a outro rapaz. Ademais, comentou outro delito de acoso sexual a menores coñecido como grooming, ou a práctica de producir ou reenviar contidos eróticos ou pornográficos de menores.  
No caso de ser unha vítima, o colexiado do CPEIG aconsella non eliminar ningunha información dos dispositivos electrónicos, pedir axuda e denunciar ante a Policía Nacional ou a Garda Civil e a Agencia Española de Protección de Datos (AEPD). 
Recomendacións técnicas para unha navegación segura  
-Coidado ao escoller o alcume ou nome de usuario-Non incluír o ano de nacemento ou idade-Non incluír o nome real-Usar contrasinais fortes-Non usar o mesmo contrasinal en todos os sitios-Pensar dúas veces antes de publicar-Gravar as conversas-Non usar a webcam-Non abrir nin ler mensaxes de descoñecidos-Non alimentar aos trolls-Configurar a privacidade nas redes sociais-Con wifis abertas, non mercar ou usar a banca   Control parental  
Por outra parte, Iván Luis ofreceu información dirixida aos pais e nais dos máis pequenos. Explica que é recomendable instalar unha configuración de filtros de contidos nos principais navegadores e sistemas operativos do fogar, bloqueando certo tipo de páxinas e os seus contidos. Ademais, indicou que deberán usar aplicación de control parental para filtrar a información non apta, aínda que ao seu parecer esta acción pode xerar desconfianza no adolescente e minar a relación partenofilial ou maternofilial.