O CPEIG colabora coas universidades de Vigo e da Coruña na difusión da Hora do Código

A través das actividades previstas este sábado na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense e na Facultade de Informática coruñesa
codigo

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colabora na difusión da “Hora do Código” nos actos centrais que con tal motivo se desenvolverán na Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo, Campus de Ourense, e na Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña, o vindeiro sábado, día 16. Os obradoiros, totalmente gratuítos, estarán dirixidos a rapaces e rapazas de entre 6 e 18 anos de idade. Máis información e inscrición: www.horadocodigo.gal.

As  actividades previstas nos centros universitarios desenvolveranse coa participación de voluntarios do CPEIG. Persoas colexiadas impartirán tamén, a título individual,  charlas en centros educativos en Galicia ao longo da presente semana.

O proxecto “Hour of Code”, “Hora do Código”, da entidade estadounidense Code.org ten coma obxectivo o de ensinarlles programación e as bases da Informática ás nenas e nenos partindo de titoriais básicos dunha hora de duración. O obxectivo da iniciativa é estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación.

Actividades na ESEI

A Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) de Ourense organizará unha xornada o sábado día 16 en horario de mañá con máis de 300 prazas dirixidas a rapaces de 6 a 18 anos de idade. A escola universitaria ofrecerá  os seguintes talleres:

“Iniciación á programación”, “Iniciación á programación con Scratch”, “Iniciación á programación de dispositivos con Arduino”, “Rapazas nas TICs, iniciación á programación de dispositivos”, “Coñece a impresión en 3D”, “Coñece os Drons”, “Outra Vida do Hardware” e “ Crea o teu mundo- Realidade Virtual”. 

Actividades na FIC

Pola súa banda, a Facultade de Informática da Universidade da Coruña tamén prevé obradoiros de programación para o vindeiro sábado a partir do mediodía, dirixidos a nenas e nenos de entre 8 e 14 anos de idade. Os talleres terán unha hora de duración, cun total de 120 prazas. 

Os requisitos para participar son a inscrición previa e que vaian acompañados por un adulto responsable, ademais de levar unha tableta ou ordenador. No caso de non dispoñer deses dispositivos, a FIC emprestaralle un a quen o precise. 

As nenas e nenos asistentes recibirán un diploma acreditativo da súa participación na “Hora do Código”. 

Code.org

A “Hora do Código” está promovido desde o ano 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. Trátase dun evento internacional que consiste nunha introdución dunha hora de duración ás ciencias da computación, deseñada para mostrar que todo o mundo pode aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta disciplina. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg. 

Code.org® é un organismo público sen fins de lucro dedicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación. Para obter máis información, visita: code.org.