O CPEIG conmemora os seus 10 anos de vida nun acto que terá lugar mañá xoves en Santiago

Intervirán protagonistas clave no devir tecnolóxico de Galicia para lembrar iniciativas que deixaron pegada
logo 10

O  vindeiro 15 de decembro cumpriranse dez anos da creación do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Mañá xoves, día 30 de novembro, un evento participativo celebrará a efeméride e rememorará cada ano desa década desde un punto de vista tecnolóxico. O encontro terá lugar a partir das 19.00 horas no Salón de Actos do Centro Abanca Obra Social, sito na Praza de Cervantes de Santiago de Compostela. Asociacións, empresariado e cargos institucionais xa confirmaron a súa asistencia ao acto, no que acompañarán ás colexiadas e colexiados.

Baixo o lema “10 anos conectad@s”, o CPEIG organizou ao longo de 2017 unha serie de actividades e actos dirixidos a celebrar a efeméride. O evento deste xoves será a culminación desas conmemoracións e estará conducido polo divulgador científico Manuel Vicente. Intervirán, por parte do CPEIG, Fernando Suárez, presidente, e Pilar Vila, vogal. A directora da Axencia para a Modernización de Galicia (Amtega), Mar Pereira, pechará o encontro cunhas palabras.

No decurso do acto, darase conta dos fitos tecnolóxicos e informáticos acontecidos desde 2007 ata os nosos días, desde unha dimensión galega e internacional, así como desde o punto de vista do ente colexial. O presentador interpelará a varias persoas dos presentes para tecer unha pequena historia deses dez anos que marcan o comezo e madureza do CPEIG.

Intervenientes

Deste xeito, tamén participarán: Carlos Rodríguez, presidente da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol); Miguel Quelle, director de Retegal; Frankie Gomez, responsable de Lacon Network; Fernando Prieto, da empresa Gato Salvaje; Manuel González, presidente de Puntogal; Manuel Meijide, director de “Mundos Digitales”; Íñigo Cuíñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo; Javier García Tobío, director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e tamén vogal do CPEIG; e  José Ramón Méndez, profesor da Escola Universitaria de Deseño Industrial da UDC.