O CPEIG participou na elaboración e presentación dos materiais da nova materia Identidade Dixital

Desde o Colexio valoramos moi positivamente a introdución deses contidos na aula
Identidade dix

Identidade Dixital é unha das novas materias que se imparten no presente curso 2017/2018. O proxecto da Xunta de Galicia destaca que aborda o seu coñecemento desde o fomento dunha cultura de participación “activa e positiva” e que "procura afastarse dunha visión centrada nos riscos pero non renuncia ao seu tratamento, que se procurará observando o conflito como unha oportunidade".

 

Nesta materia trátase o concepto de intimidade e a súa "exposición pública"; estúdanse as novas formas de compartir coñecemento na rede, os distintos tipos de licenzas e propiedade intelectual e a cultura libre; explícase a fenda dixital; tamén a creación da identidade dixital, o dereito ao esquecemento e as ameazas á reputación na rede. E mesmo se afonda na cultura da participación ou o crowdfunding. 

 

Na mañá do día 24 de novembro,  a Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria presentou os materiais, para a redacción dos cales contou coa colaboración do CPEIG.

 

Na presentación, presidida polo Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, interviñeron tamén Edita de Lorenzo, vicedecana do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións, a enxeñeira informática Luz Castro, o profesor de Psicoloxía Antonio Rial e Fernando Suárez, presidente do CPEIG.

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia valora moi positivamente a nova materia escolar, que significará “actualizar os contidos que se imparten nas aulas consonte á realidade dixital na que viven xa as nosas pequenas e pequenos”. Así mesmo, o CPEIG considera que o alumnado obterá grazas aos novos materiais escolares “ferramentas para aproveitar as oportunidades da Internet e ter máis recursos para evitar os seus riscos”.