Convocamos, por sexto ano consecutivo, unha nova edición do premio de postais de Nadal do CPEIG

A nena ou neno gañador recibirá un kit de robótica como premio e o seu debuxo será a felicitación oficial do Colexio
Postal 2016

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convoca, por sexto ano consecutivo, o concurso de postais de Nadal. Poderán presentarse ao certame nenos e nenas que estean a cursar estudos de Infantil ou Primaria, teñan un máximo de 13 anos de idade e sexan familiares das persoas colexiadas. O prazo  para presentarse ao certame abriuse o día 22 de novembro e rematará o día 9 de decembro. O traballo gañador será a felicitación oficial do Colexio para estas festas.

O número máximo de candidaturas por colexiada/o é de tres.

Bases do concurso:

1.      Técnica: A técnica é libre, podéndose empregar pinturas, témperas, ceras, collage, etc. O formato pode ser vertical ou horizontal. 

2.      Datas de entrega: desde o 22 de novembro ata as 23:59 do día 9 de decembro de 2017. 

3.      Forma de entrega: As candidaturas enviaranse por correo electrónico ao enderezo informacion@cpeig.gal indicando o nome, apelidos, teléfono de contacto e idade da/o nena/o, xuntando a postal dixitalizada en formato jpg ou png e cunha resolución mínima de 300 puntos por pulgada. O CPEIG enviará no prazo máximo de 24 horas un correo electrónico confirmando a inscrición da postal no concurso. Os debuxos non poden conter ningún sinal que permita identificar a autora ou autor. 

4.      Xurado

o    Estará composto por un mínimo de 3 persoas. 

o    Calquera colexiada/o que non presente candidaturas e así o solicite poderá formar parte do xurado. 

o    O xurado valorará a creatividade e a adecuación ao tema proposto.

o    Os membros do xurado descoñecerán a autoría das postais polo que estas non poderán conter ningún sinal que permita identificar a autora ou autor. 

o    Cada membro do xurado asignará 5, 4, 3, 2 e 1 puntos ás que considere as 5 mellores postais. 

o    A postal que obteña a maior puntuación, unha vez sumadas as cualificacións outorgadas por cada membro do xurado, será a gañadora. En caso de empate a obra gañadora decidirase por sorteo.

 o    O fallo do xurado farase público na web do colexio (www.cpeig.gal) antes do día 12 de decembro.

 5.      Premio: A postal gañadora será a empregada como postal de Nadal do CPEIG para 2017 e o gañador ou gañadora recibirá un kit de robótica.

 Desde a Xunta de Goberno do CPEIG animamos aos vosos pequenos a que se poñan mans á obra e presenten os seus traballos.