A “Xornada Transformación Dixital e Talento” convoca preto de 200 persoas

Organizada por CPEIG e Amtega, interviñeron como relatores Tino Fernández, de Altia; o profesor Enrique Dans; David Tomás, de Cyberclick; e Juan Carrillo e Cristian Infante, de LinkedIn

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) foron quen de convocar o pasado 16 de outubro preto de 200 asistentes na “Xornada Transformación Dixital e Talento” (#XTdT). O evento, que tivo lugar no Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia, puxo en contacto  a empresas, universidades e estudantes ao redor da economía dixital.

 

Os relatores que participaron no encontro, seleccionados polo seu perfil inspirador para as futuras e actuais xeracións de profesionais, son claro exemplo de éxito: Constantino Fernández, presidente executivo de Altia; Enrique Dans, profesor de Innovación do IE Business School; Juan Carrillo, director de Relacións con Clientes de LinkedIn; Cristian Infante, Relationship Manager Iberia de LinkedIn, e David Tomás, cofundador e CEO de Cyberclick. O mago mentalista Javier Luxor actuou de condutor do acto e mesmo realizou algún número de mentalismo e persuasión.

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, abriu o encontro cunhas palabras de recordo ás persoas damnificadas pola vaga de lumes rexistrada na fin de semana anterior á xornada, cunha especial lembranza aos falecidos. Unha vez feita esa mención, referiuse a que no actual contexto de recuperación económica “as entidades enfróntanse a novos retos e o máis urxente é a fidelización do talento”.

“Os elementos clave para a identificación, atracción e fidelización do talento _engadiu Fernando Suárez_ non se reducen a un bo salario senón que, ademais, os traballadores aspiran ao seu desenvolvemento profesional, á conciliación entre a vida persoal e laboral ou ao recoñecemento ao esforzo”.

Na primeira intervención dos relatores, Constantino Fernández abordou os “Retos da xestión do talento en servizos de transformación dixital”, desde a súa perspectiva como presidente executivo de Altia. O directivo subliñou que o talento “é a alma da empresa” e referiuse a #AltiaDigitalHub como o programa da tecnolóxica que preside para “captar e potenciar o talento da nosa xente”.

A continuación interveu  Enrique Dans, profesor de Innovación no IE Business School, quen presentou un relatorio baixo o epígrafe “Carreira profesional: coa innovación como clave”. Na súa intervención, Dans asegurou non crer na marca persoal “se non hai nada detrás” e apelou á necesidade de dotar de contido esa marca.

Pola súa banda, David Tomás, cofundador e CEO de Cyberclick, abordou a charla “A empresa máis feliz do mundo”. O relator destacou que hai que levar os valores empresariais á práctica e relatou cómo traballan na súa firma eses valores.

 

En canto á intervención de  Juan Carrillo, director de Relacións con Clientes de LinkedIn, falou de “LinkedIn, Personal Brand&Big Data”, e subliñou a importancia de marcarse unha estratexia. Xa para rematar, Cristian Infante, Relationship Manager Iberia de LinkedIn, aconsellou que antes de facer un perfil persoal hai que pensar en cómo queremos ser vistos polos demais para axeitar ese perfil aos nosos desexos e intereses.

 

Fomento das vocacións                  

Ademais da xornada organizada na Cidade da Cultura, o CPEIG  e a AMTEGA impartirán en diversas localidades galegas charlas de Transformación Dixital e Talento. A iniciativa diríxese a estudantes de secundaria e ten como obxectivo fomentar as vocacións nos estudos relacionados co sector TIC, un dos máis dinámicos da economía española e con máis saídas laborais.

Todas as xornadas organizados ao redor do talento e a transformación dixital inscríbense no convenio de colaboración que manteñen a AMTEGA e o CPEIG. Con estas actividades o CPEIG dá continuidade, en colaboración coa Xunta de Galicia, a un desenvolvemento efectivo da Sociedade da Información, promovendo o uso das ferramentas que faciliten e impulsen a incorporación de toda a sociedade aos novos recursos tecnolóxicos como factor xerador de novas capacidades, do emprego e o desenvolvemento económico.