A AMTEGA e o CPEIG fomentan as vocacións no sector TIC

A través de charlas de Transformación Dixital e Talento que imparten en diversos centros de ensino secundario de Galicia
Talento vilas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) impartirán en diversas localidades galegas charlas de Transformación Dixital e Talento. A iniciativa diríxese a estudantes de secundaria e ten como obxectivo fomentar as vocacións nos estudos relacionados co sector TIC, un dos máis dinámicos da economía española e con máis saídas laborais. 

O programa de charlas comeza hoxe no IES Concepción Arenal de Ferrol. Os días 24 e 26 de outubro desenvolveranse no IES Rosalía de Castro, en Santiago; o día 26 no Seminario Menor A Inmaculada, de Ourense, e o 27 deste mesmo mes no IES Número 1 do Carballiño. Tamén está previsto impartir unha charla na cidade da Coruña. 

Colexiados do CPEIG achegaranlle ao alumnado destes centros como é o perfil dos profesionais da Informática, xunto cos motivos para estudar unha enxeñaría e, concretamente, a enxeñaría en Informática. Asemade, daranlles a coñecer as saídas laborais destes estudos. 

Transformación dixital e talento

A iniciativa representa unha continuidade da Xornada Transformación Dixital e Talento desenvolvida o pasado 16 de outubro en Santiago con grande éxito de convocatoria. Nela, o CPEIG e a AMTEGA xa crearon un punto de encontro para empresas, universidades e estudantes ao redor da economía dixital.

No encontro, enmarcado no convenio de colaboración que manteñen a Amtega e o CPEIG, participaron relatores seleccionados polo seu perfil inspirador e que son exemplo de éxito profesional: Constantino Fernández, presidente executivo de Altia; Enrique Dans, profesor de Innovación do IE Business School; Juan Carrillo, Director de Relacións con Clientes de LinkedIn; e David Tomás, cofundador e CEO de Cyberclick.