AMTEGA e CPEIG organizan a "Xornada sobre a adaptación da Lei de Protección de Datos ao Regulamento Europeo"

As charlas, que terán lugar o día 29 de setembro na EGAP, están dirixidas tanto a xuristas como a non xuristas
Curso Davara

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) abren a inscrición á “Xornada  sobre a adaptación  da Lei de Protección de Datos ao Regulamento Europeo”, que contará cos relatores Miguel Ángel Davara, catedrático de Dereito Informático e de Informática para Xuristas da Facultade de Dereito da Universidade Pontificia Comillas de Madrid (ICAI-ICADE), e Mar España Martí, directora da  Agencia Española de Protección de Datos (AEPD)

A  Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acollerá as charlas o día 29 do presente mes. Van dirixidas tanto a non xuristas como a profesionais relacionados co Dereito. A xornada insírese no convenio que o CPEIG mantén coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). As persoas interesadas en asistir poden inscribirse en eventos@cpeig.gal.

Despois da presentación da xornada, que terá lugar ás 10.00 H. e na que participarán a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos,  e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, o programa desenvolverase consonte aos seguintes horarios e contidos:

PROGRAMA

10.30 H. Miguel Ángel Davara, catedrático de Dereito Informático e de Informática para Xuristas da Facultade de Dereito da Universidade Pontificia Comillas de Madrid (ICAI-ICADE)

. Introdución

                        -Como chegamos ata aquí

                        -Localización de persoas e obxectos

                        -Razón de ser do Regulamento Europeo: Obxectivos

 

. O Regulamento Xeral de Protección de  Datos

                        -O Regulamento nos actos xurídicos da UE

-Obxectivo do Regulamento: reforzar o dereito fundamental á protección de datos.

  . Contido do Regulamento 

                        -A exposición de motivos

                        -Considerandos de interese

                        -Cuestións a destacar do articulado

 

.  Disposicións finais

13.30 H. Mar España Martí, directora  Agencia Española de Protección de Datos (AEPD)

“Nova Lei de Protección de Datos”

14.00 H Clausura da xornada.

Directora da Amtega, Mar Pereira

Presidente do CPEIG, Fernando Suárez

Relatores

Miguel Ángel Davara é doutor en Dereito e  socio-fundador da firma de asesores xurídicos Davara & Davara, Asesores Xurídicos, especialistas en Dereito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Catedrático de Dereito Informático e de Informática para Xuristas da Facultade de Dereito da Universidade Pontificia Comillas de Madrid (ICAI-ICADE), é tamén coordinador da Área de Informática Xurídica de ICADE.

Davara é director do Master en Dereito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións de ICADE e director dos Cursos de Doutorado en Dereito Informático na mesma Universidade. Tamén exerce como profesor da materia Implicacións socio-xurídicas das Tecnoloxías da Información na Escola de Enxeñaría Informática de ICAI. Asemade, o relator é membro do Grupo de Asesores Legais en Tecnoloxías da Información da Unión Europea en Luxemburgo (DG Sociedade da Información).

Pola súa Banda, Mar España é licenciada en Dereito pola Universidade Pontificia de Comillas, Máster en Protección Internacional en Dereitos Humanos pola Universidade de Alcalá e experta en xestión de entidades sen ánimo de lucro pola Fundación Luis Vives. É funcionaria de carreira do Corpo Superior de Administradores Civís do Estado na especialidade xurídica desde 1989. En canto á súa actividade académica, foi profesora do Máster de Protección Internacional de Dereitos Humanos da Universidade de Alcalá, profesora do Máster de Acción Política do Colexio de Avogados na Universidade Rey Juan Carlos e profesora colaboradora de Dereito Administrativo en ICADE. O CPEIG outorgoulle este ano o recoñecemento de colexiada de honra.

Baixo o seu mandato como directora da AEPD desde xullo de 2015, este organismo  puxo en marcha un Plan Estratéxico con máis de 100 iniciativas que inclúe, entre outros puntos, o desenvolvemento de accións que favorecen a innovación e a confianza dixital, así como a realización de labores proactivos para detectar o impacto que poden ter os novos desenvolvementos tecnolóxicos na privacidade. Neste sentido, a Axencia creou a Unidade de Avaliación e Estudos Tecnolóxicos, que ten entre as súas funcións o establecemento de canles de colaboración tecnolóxica con universidades e grupos profesionais

AdxuntoTamaño
GALICIA-SEPT-2017.pptx6.58 MB