O Museo do Pobo Galego convida o CPEIG aos seus foros de reflexión sobre o presente do país

A Fundación Barrié acollerá, o xoves 14 de setembro, unha xornada sobre a nova economía para Galicia
Museo PG

O Muso do Pobo Galego organiza ao longo do presente ano un ciclo de foros baixo o epígrafe “O nosos pobo. De hoxe noutros corenta anos”, para conmemorar as catro décadas de vida da institución. Unha das entidades convidadas a participar nesa reflexión colectiva sobre os problemas presentes do país e as vías posibles para a súa solución é o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), representado polo seu presidente, Fernando Suárez.

O xoves 14 de setembro, a Fundación Barrié acollera na cidade da Coruña, a partir das 19 horas do serán, o foro “Unha nova economía para a Galicia do porvir na industria e nos servizos”. O noso  presidente estará acompañado na mesa de debate por Carmen Pampín Casal, presidenta de BIOGA, Clúster das Ciencias da Vida, e Cesáreo González Pardal, secretario do Clúster de Turismo e presidente de Fegatur. Moderará Enrique Sáez Ponte, do padroado do Museo do Pobo Galego.

Novo rexurdimento

En 1977 comezou a andaina do Museo do Pobo Galego coa vontade de contribuír a un novo rexurdimento do pobo galego, en tanto que “suxeito senlleiro dunha historia de seu”, apuntan os organizadores do ciclo de foros. A través das charlas que programan ao longo do presente ano, o propósito do padroado é convidar a sociedade galega a “albiscar como ha ser Galicia no futuro inmediato desde a reflexión sobre os cambios habidos nas últimas catro décadas”.

Nesa inxente tarefa participará o presidente do CPEIG o vindeiro xoves. A entrada é libre, polo que as persoas colexiadas están convidadas a asistir e participar coas súas preguntas.