A Universidade Internacional Menéndez Pelayo organiza para o mes de novembro un encontro sobre hacking ético

Podes inscribirte xa no evento, que terá lugar na cidade da Coruña con expertos en ciberseguridade
UIMP

A Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP)  organiza o encontro “Hacking ético para novos escenarios da ciberseguridade”, previsto para os días 6 e 7 do mes de novembro na cidade da Coruña. Neste evento, expertos do sector impartirán coñecementos a través de diversos relatorios. A temática principal do encontro é como o hacking ético inflúe na ciberseguridade nos nosos días e proporciona vías para que empresas e cidadáns estean máis seguros. 

Varias mesas redondas abordarán diferentes debates nos que os asistentes poderán participar. Falarase do futuro da ciberseguridade a través da IA e o “machine learning”, a empregabilidade no sector e celebrarase un debate sobre criptografía, liberdade,  privacidade e o “blockchain”. Sumado a todo isto, prevense 6 exposicións levadas a cabo por expertos do sector que falarán do pasado, do presente e do futuro da ciberseguridade. As ameazas en Internet, o día a día dun profesional da ciberseguridade e cales son os elementos diferenciadores e esenciais da mesma completarán os contidos do encontro.

Entre os reputados profesionais que participarán no encontro “Hacking ético para novos escenarios da ciberseguridade” figura Pilar Vila, membro da xunta de goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), empresaria e perita informática.

A sede da UIMP na Coruña acollerá o encontro. Podes consultar o programa  e apuntarte nesta ligazón.