O CPEIG súmase hoxe, 12 de xullo, ao “Día de Acción” para salvar a neutralidade da Rede

Podes consultar toda a información en www.battleforthenet.com
neutralidade

Diversas organizacións uníronse para realizar hoxe, 12 de xullo,  unha protesta masiva que se estenderá por Internet no que se deu en denominar “Día de Acción”. A data elixida é previa ao 17 de xullo, día no que os estadounidenses poderán dar a súa opinión sobre as novas regras que pretende impoñer o Goberno de Donald Trump, favorables ás operadoras. Podes consultar a iniciativa aquí: www.battleforthenet.com.

Os organizadores do “Día de acción” lembran que a neutralidade da Rede está en perigo, coa Comisión Federal de Comunicacións de EE.UU. buscando reverter a Orde de Internet Aberta de 2015. De ter éxito, os provedores de servizos de banda larga serán libres de crear vías rápidas de Internet para aqueles que poidan pagalas e carrís lentos para calquera persoa que non poida pagar, como empresas novas que ofrecen servizos innovadores, alén de bibliotecas, escolas e organizacións sen fin de lucro. Tamén serán libres para guiar os internautas ao contido que elixan sen coñecemento por parte dos propios usuarios.

O CPEIG, consciente de que a neutralidade da Rede en Estados Unidos marcará o futuro de Internet en todo o mundo, súmase ao “Día de Acción” e pídelle ás persoas colexiadas que tamén se unan de xeito individual, difundindo esta iniciativa nas redes sociais ou de calquera outro xeito que estimen oportuno.