Éxito de convocatoria na xornada de introdución a DevOps celebrada recentemente en Santiago

O encontro, organizado polo CPEIG, contou co patrocinio de HPE e a colaboración de Abanca
inauguracion

Un cento de persoas asistiron o pasado 29 de xuño en Compostela á xornada Introdución a DevOps, uso de microservizos e tecnoloxía de contedores, no que resultou un novo éxito de convocatoria do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en torno a un tema de máxima actualidade para o sector TI. O interese do contido do encontro, que contou co patrocinio de HPE e a colaboración de Abanca, leva ao Colexio a facilitar os relatorios, que podes atopar xuntos a esta nova. 

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, abriu o foro reivindicando a relevancia de DevOps como un “movemento cultural e profesional que prima a comunicación, a colaboración e a integración entre os desenvolvedores de software e os operadores de sistemas de IT”. O presidente referiuse tamén aos retos e oportunidades que se xeran ao redor das innovadoras tecnoloxías de contedores, que lles axudan ás empresas e ás administracións “a ser máis áxiles, competitivas e aliñarse rapidamente coa nova mentalidade dixital”.

Erik van Ommeren, analista da empresa Gartner, abriu a quenda das intervencións co tema Design thinking and Innovation, no que analizou os factores para o éxito con DevOps: enfoque empresarial, cambio cultural, mellora continua, desenvolvemento áxil e automatización. A este respecto, insistiu en que o cambio debe ser a nivel  de toda a organización, non só dos departamentos tecnolóxicos, e que cómpre traballar en conxunto. 

Comunicación e Innovación

A continuación, o CEO de Torusware, Guillermo López, introduciu os asistentes ao concepto DevOps e afondou en por que os colectores axilizan a súa implantación. Tras afirmar que DevOps representa unha nova filosofía baseada na comunicación e na colaboración, así como na innovación continua e na axilidade, López resumiu os cinco primeiros pasos que cómpre dar cara DevOps: cambio cultural, colaboración, partner externo, automatización e mellora continua.

Pola súa banda, Ramón Gordillo, Solution Architet de Red Hat, abordou DevOps, contedores e aplicacións cloud nativas. Na súa intervención, sinalou tamén a comunicación, a automatización e a axilidade como elementos claves. Ademais, o category manager de HPE, Pablo Ráez, explicou as vantaxes da infraestrutura como código para contornas DevOps e insistiu en que DevOps é tendencia e “temos que automatizarnos”.

Mesa redonda

O encontro finalizou coa mesa redonda Aplicación e uso de DevOps e tecnoloxías de contedores na empresa e administración. Moderada por Guillermo López, participaron no debate Miguel Ares, de Altia; Antonio Bueno Iglesias, do Sergas; Fernando Suárez, da Amtega e José Otero, de Gradiant.

Entre os temas abordados figuraron a posibilidade de trasladar o modelo DevOps a todo o sector TIC, a implantación dunha cultura corporativa de axilidade na prestación de servizos mediante DevOps e o empoderamento dos desenvolvedores, entre outros.