O CPEIG colabora no Congreso Internacional Mundos Dixitais coa organización de obradoiros do programa Rapaciñ@s

O evento terá lugar na cidade da Coruña do 6 ao 8 de xullo
congreso xogos

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colaborará no Congreso Internacional Mundos Dixitais a través da organización de diferentes obradoiros tecnolóxicos inseridos no programa "Rapaciñ@s, a tecnoloxía ben segura", iniciativa que promove en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Os talleres ofrécense gratuitamente o día 8 de xullo. Para asistir, cómpre  inscrición previa en  http://rapacinos.eventbrite.com/ 


Os seguintes obradoiros terán lugar a partir das 12 do mediodía:      


Obradoiro Clash Royale - Minecraft: obradoiro ao redor do videoxogo de moda, Clash Royal, onde hai cabaleiros, reis, torres, xigantes... Gaña batallas obtendo cartas de todo tipo!!. E os fans de Minecraft gozarán co deseño de mapas, creación de Mods e iniciándose á linguaxe LUA. As prazas están limitadas a 15 participantes de entre 8 e 12 anos de idade.

Obradoiro Lego Mindstorm: os asistentes poderán construír un robot e experimentar programando movementos básicos para que se desprace e supere obstáculos, traballando en equipo para superar todos os retos. As prazas están limitadas a 15 participantes de entre 9 e 13 anos de idade. Crea e programa o teu propio robot!!

En ambos os dous casos, os participantes deberán traer os seus ordenadores portátiles que deberán ter un procesador Intel Core I-5, equivalente ou superior.

Por outra banda, ás cinco da tarde está organizada unha conferencia de Javier Pedreira, coñecido como Wicho: “Nativos dixitais nos Mundos Dixitais”. 

Javier Pedreira Wicho é o responsable de informática dos Museos Científicos Coruñeses e un dos creadores de Microsiervos, un dos blogues sobre ciencia e tecnoloxía mais lidos en español. É tamén colaborador habitual nos medios de comunicación como "El País", "Cadena SER" e outros. 

A conferencia terá lugar en Palexco na sala HP Dreamcolor e falará da xeración que está especialmente dotada no uso das novas tecnoloxías, aos que o conferenciante considera orfos dixitais, posto que moitos destes rapaces, se se sacan de contornas como YouTube, Snapchat e similares “son bastante torpes; por dicilo doutro xeito, sobreviven e tanto pais, nais, e educadores debemos axudalos”, considera o relator.

 A entrada é libre ata cubrir aforo.