O presidente do CPEIG participou no Congreso de Edificios Intelixentes celebrado en Madrid

Interveu na mesa redonda “Ciberseguridade: riscos e solucións aplicables aos edificios intelixentes”
mesa redonda

O  presidente do CPEIG e vicepresidente primeiro do Consejo de Colegios de Ingeniería en Informática (CCII), Fernando Suárez, participou o pasado 21 de xuño na terceira edición do Congreso Edificios Intelixentes, que tivo lugar en Madrid. O obxectivo xeral do encontro foi potenciar o intercambio de coñecementos e experiencias sobre os edificios intelixentes dun xeito transversal, multidisciplinar e multisectorial.

Na súa intervención, Suárez destacou que a ciberseguridade nos edificios intelixentes merece ter unha maior atención para atallar as múltiples vulnerabilidades que permiten a un atacante “non só tomar o control de todos os sistemas intelixentes como son a iluminación, sistemas de augas, ventilación, xeración de enerxía, ascensores e escaleiras mecánicas, entre outros, senón que tamén poden supoñer un vector de entrada que presenta un risco a nivel dixital -accedendo á rede interna-, pero tamén unha intrusión na contorna física”.

Hoxe en día,  nun contexto hiperconectado, co IoT estase realizando unha ampliación de vectores de ataque ás distintas entidades que poidan estar interconectadas.

Tendo en conta o anterior, o presidente do CPEIG propugnou que é imprescindible construír edificios intelixentes ao redor da ciberseguridade, e non ao revés. Polo tanto, defendeu a introdución dos requisitos de seguridade desde a súa concepción, no momento mesmo do deseño, identificando cales son os niveis de risco e cales son as  implicacións en todos os “stakeholders” que se integran no ecosistema.

 

Finalmente, Fernando Suárez defendeu como fundamental que o regulamento dese tipo de infraestrutura contemple tamén os profesionais con competencias e coñecementos acordes para garantir as implicacións relativas á seguridade.