Eva Riveiro e Gustavo López, gañadores do primeiro Concurso Literario Infantil sobre Protección de Datos

O centro compostelán Compañía de María recibe un recoñecemento pola súa alta participación no certame organizado polo CPEIG e a Xunta
concurso

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria veñen de fallar a primeira edición do “Concurso Literario Infantil sobre Protección de Datos”. O certame estivo dirixido a rapazas e rapaces de 1º a 4º de ESO, ambos cursos inclusive, estudantes en centros escolares sostidos con fondos públicos de Galicia.

Gañadora na categoría 1º-2º ESO
Eva Riveiro Formoso (2º ESO) co traballo "oinc".  Colexio Compañía de María, Santiago de Compostela.

Gañador na categoría 3º-4º ESO
Gustavo López Leyenda (4ª ESO) co traballo "PISOTE ". Colexio CPI de Cova Terreña, Baiona, Pontevedra.

Centro con maior participación

Colexio Compañía de María, Santiago de Compostela

O obxectivo final do concurso é contribuír a que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade. Tanto a Xunta coma o CPEIG consideran que cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.

Requisitos

Dentro dos requisitos da convocatoria, á parte de cursar os estudos xa sinalados, os xéneros  literario cos que se podía participar foron o artigo periodístico, a  exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación) e conto ou relato curto.

O referente sinalado polas entidades convocantes foi o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (educonvives.gal) e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos.

 Dotación

Os rapaces gañadores recibiron unha tableta e os seus centros educativos, un kit de robótica para a súa aula. Asemade, o Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela mereceu un recoñecemento como centro cunha maior participación no certame.