O traballo fin de mestrado de Roberto Carracedo Varela, premiado polo CPEIG

Un sistema de monitorización e control da suspensión axustable dun vehículo en marcha mereceu o galardón
Roberto

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de facer público o gañador do Premio Proxecto Fin de Carreira/Mestrado, dotado con mil euros. O galardón será este ano para Roberto Carracedo Varela, (A Laracha, 1972), estudante da UDC, polo seu traballo “LogShock: sistema de monitorización e control da suspensión axustable dun vehículo”. 

O traballo fin de mestrado consistiu no desenvolvemento dun sistema que permite  a obtención de información obxectiva sobre o comportamento das suspensións dun vehículo en marcha. A innovación consiste en permitir a configuración das suspensións axustables do vehículo a partir de datos obxectivos e non subxectivos, que é o que se vén facendo. O sistema desenvolveuse e os prototipos construíronse utilizando recursos hardware e software libre.

A motivación do traballo realizado por Carracedo foi a constatación de que no mercado automobilístico existen numerosos sistemas de suspensión axustable para adaptar a vehículos, xa sexa co fin de permitir un comportamento máis preciso nunha contorna determinada (por exemplo en competicións deportivas) ou simplemente para mellorar sistemas que inicialmente non teñen a calidade desexada.

A dificultade que presentan eses sistemas cara ao usuario final -advirte o propio Carracedo- “é, que se non se axustan correctamente por persoal experimentado, poden presentar unha elevada complexidade, especialmente canto maior é o conxunto de parámetros que poden ser modificados”. Ao cabo, o profesional ten que basearse na percepción subxectiva do comportamento da suspensión e non en datos obxectivos e precisos medidos desde o dispositivo de amortiguación. O traballo galardoado centrouse precisamente no desenvolvemento dun sistema que permite obter información obxectiva sobre o comportamento das suspensións dun vehículo en marcha.

Un premio que actúa como estímulo

Mediante a convocatoria e concesión anual do Premio Proxecto Fin de Carreira/Mestrado, o CPEIG busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas - o propio Carracedo, Manuel Suárez Albela e Narciso López López- terán dereito a un ano de colexiación gratuíta e o gañador, ademais, unha gratificación económica de mil euros.