O servizo de teleasistencia avanzada para persoas maiores ou con dependencia, premio e-Inclusión do CPEIG

A Cruz Vermella aposta polo benestar e autonomía das persoas cun proxecto pioneiro
Cruz

O sistema de teleasistencia avanzada, proxecto impulsado pola Cruz Vermella -co apoio técnico de Televés e que de xeito pioneiro está implantado como servizo en Galicia grazas ao financiamento da Xunta de Galicia- resultou gañador do Premio e-Inclusión que outorga o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), segundo acordo unánime do xurado, composto por membros da Xunta de Goberno do ente colexial. 

A teleasistencia avanzada está baseada nunha plataforma de servizos dirixidos ás persoas maiores ou con dependencia para impulsar o seu benestar e mellorar a súa autonomía e saúde. Ten como obxectivo o coidado e a mellora da calidade de vida das persoas desde a perspectiva do fomento do avellentamento activo e saudable. 

Trátase dun servizo que, por primeira vez, integra conxuntamente a funcionalidade da teleasistencia convencional con capacidades de monitorización avanzada. O servizo funciona as 24 horas do día os 365 días do ano e permite facer un seguimento do estado e comportamento dos usuarios e usuarias, así como actuar ante calquera emerxencia sempre que sexa necesario.

A teleasistencia avanzada funciona mediante o emprego dunha pasarela intelixente que, a través dunha rede de sensores, permite a monitorización da rutina vital do usuario na vivenda. Algunhas das súas vantaxes son: permitir a prevención de riscos no fogar e garantir a seguridade, e ter un mellor coñecemento das pautas de vida da persoa para detectar cambios nos seus hábitos que indiquen un posible empeoramento do seu estado cognitivo. Así mesmo, permite darlle acceso aos coidadores a unha plataforma de telecoidado para coñecer o estado dos seus familiares.

Noite da Enxeñaría en Informática

O galardón e-Inclusión que concede o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia ten un nomeado carácter solidario e está incluído dentro do conxunto de premios anuais que entrega no transcurso da “Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, que este ano se celebrará o día 16 do mes de xuño.

A Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia é o evento TIC referente de Galicia, no que representantes do empresariado, profesionais e persoas colexiadas se reúnen ao redor dunha profesión cunha crecente proxección na sociedade.