A terceira edición do programa Rapaciñ@s pecha con éxito de participación de adultos e rapazada

David Calle explicou a súa experiencia como fundador da organización educativa sen ánimo de lucro Unicoos
Rapaciñ@s

A Cidade da Cultura acolleu o pasado sábado, día 6, a celebración da terceira edición de Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura, unha iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). A xornada conxugou obradoiros tecnolóxicos para os rapaces e unha charla de David Calle, fundador de Unicoos e TOP10 no Global Teacher Prize 2017. 

Asistiron á presentación da xornada a directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente do CPEIG, Fernando Súarez, quen previamente visitaron os talleres organizados para os máis pequenos. Máis de 80 rapaces de entre 8 e 14 anos de idade reuníronse no Edificio CINC para participar nos obradoiros de robótica educativa, Sploder, Lego e Makey Makey con Scratch.

Mar Pereira sinalou que as vantaxes das TIC son incuestionables, sempre que o seu uso se faga de xeito responsable, e que os adolescentes son especialmente sensibles aos novos problemas asociados ao uso da Internet e das redes sociais e as vítimas máis fáciles para os ciberacosadores. Neste sentido, a responsable do departamento tecnolóxico da Xunta subliñou que desde a Administración pública “somos conscientes de que a forma de abordar esta problemática é en colaboración con todos os axentes implicados, educadores, pais, nais, menores e profesionais do ámbito tecnolóxico e que esta é a filosofía de iniciativas como Rapaciñ@s”.

Pola súa banda, o máximo representante dos enxeñeiros en Informática deulle as grazas á directora  da Amtega polo apoio “constante e sustentable no tempo” que lle brinda a Administración autonómica ás iniciativas que organiza o CPEIG. Suárez Lorenzo recalcou que  moitas delas “repercuten, coma é o caso de hoxe, na sociedade en xeral, proxectando a imaxe do Colexio fóra das lindes estritas da nosa profesión e contribuíndo ao desenvolvemento da sociedade da información”

Como darlle unha volta ás clases

David Calle, baixo o epígrafe de “Flipped classroom ou como darlle unha volta ás clases”, deu unha charla dirixida sobre todo aos pais e nais dos rapaces asistentes aos talleres. O relator explicou a súa experiencia como creador de Unicoos.com,organización educativa sen ánimo de lucro e un sitio web, que está baseada na canle YouTube do mesmo nome, onde poden atoparse centos de vídeos de matemáticas, física, química e tecnoloxía, principalmente de contidos preuniversitarios (últimos anos de secundaria e bacharelato) e primeiros anos universitarios.

Na súa intervención, apostou por “darles a todos las mismas oportunidades para que así el mundo tenga una oportunidad”. Avogou tamén pola diferencia e sentenciou:  “Lo que nos hace diferentes es lo que nos da valor”. Entre outros consellos,enunciou o seguinte: “Lucha siempre por ser todo lo mejor que puedas llegar a ser;  cualquier cosa que hagamos puede ser insignificante, pero es muy importante que la hagamos”. 

Xornadas por outras localidades

Á parte do gran evento celebrado hoxe, o programa Rapaciñ@s percorrerá diferentes localidade des Galicia nos vindeiros meses con máis de 20 charlas informativas a cargo das colexiadas e colexiados do CPEIG e obradoiros infantís. Nesas xornadas, familias e tamén docentes atoparán información e recursos de interese ao mesmo tempo que as nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de actividades pensadas expresamente para eles co obxectivo de que se divirtan e aprendan