A Deputación de Ourense, Premio Iniciativa da Administración dos enxeñeiros informáticos

O incremento da calidade de vida da cidadanía e a xestión prudente dos recursos, obxectivos finais da iniciativa galardoada
deputaou

A iniciativa “Ourense Provincia Intelixente” da Deputación Provincial de Ourense resultou gañadora do Premio Iniciativa da Administración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).  O xurado valorou a aplicación do concepto de “Smart City” ao eido  provincial, de xeito que unifica e centraliza esforzos nun gran proxecto cunha visión global da provincia, no  que sumará a xestión de 7.273 Km e solucións para os seus 424.652 habitantes, dos que 109.779 son residentes no exterior. Trátase dunha iniciativa que xa está en marcha despois dunha primeira fase de análise e definición. 

O galardón entregarase no decurso da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro 16 de xuño. Xunto á Deputación de Ourense, outras entidades e persoas recibirán os seus premios. 

“Ourense Provincia Intelixente” inscríbese no Plan Ourense 15/19, que recolle 77 accións a executar en 48 meses e que pretende converter a provincia nun referente nacional e internacional, de xeito que a Deputación sexa un “Concello de concellos” baixo unha visión global para atender os 92 municipios da provincia. 

Cooperación, optimización e redución de custos

Á hora da concesión do galardón, os membros do xurado do CPEIG valoraron a xestión da información dos concellos desde un punto de vista único con tres obxectivos: cooperación, optimización de recursos e redución de custos. Deste xeito, conseguirase a mellora do modelo de gobernanza; transparencia e apertura dos gobernos, e a mellora da calidade dos servizos prestados e control dos contratos de servizos. Tamén se acadará a mellora da calidade medioambiental da provincia; a redución do gasto público e a mellora da coordinación entre servizos e administracións, así como o apoio aos gobernantes na mellora da toma de decisións, e o fomento da innovación e o emprendemento. 

A plataforma “Provincia Intelixente” integrarase con sistemas expertos aplicables a cada eido temático: solución transversal para todos os sistemas de información, recompilación de información desde diversas solucións, analítica (descritiva e preditiva) da información recompilada, e interoperabilidade e reutilización.

Todo isto redundará nun gran obxectivo final: incremento da calidade de vida da cidadanía e xestión prudente dos recursos.

Sobre o CPEIG

O CPEIG é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.