A Amtega e o CPEIG apostan polas oportunidades laborais da transformación dixital

Crearemos, tamén ao abeiro do convenio asinado, unha wiki sobre a historia da informática en Galicia
logo amtega

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)  abordarán nunha xornada as oportunidades que ofrece a transformación dixital; crearán unha wiki sobre a historia da informática en Galicia; celebrarán un ciclo de xornadas sobre os perfís dixitais que xorden das novas tendencias tecnolóxicas e ofrecerán formación especializada en TIC para empregados públicos, estudantes e familias. Son as liñas de colaboración recollidas no convenio que veñen de asinar directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o presidente do Colexio de Enxeñaría Informática de Galicia, Fernando Suárez.

 

Transformación dixital a través do talento

O acordo facilitará a celebración dunha Xornada sobre Transformación Dixital e Talento, que dará as claves do sector tecnolóxico, expoñendo as habilidades (tanto softskills como hardskills) demandadas e necesarias para achegar valor en todos os ámbitos da transformación dixital. 

O evento será un punto de encontro para mozos e profesionais que buscan formarse nun dos sectores máis dinámicos da economía española e con máis saídas profesionais, tamén para centros formativos que queren dar a coñecer a súa oferta educativa no ámbito da economía dixital e para empresas que achegarán a súa experiencia en demanda de recursos humanos no sector TIC. 

Creación dunha “wiki” sobre a Historia da Informática en Galicia

Ademais, no marco do convenio crearase unha “wiki” sobre a historia da informática de Galicia que recollerá o testemuño de moitos dos protagonistas na Comunidade, así como  fotografías, vídeos e gravacións. O obxectivo é crear un espazo na rede que permita non só o acceso do público aos contidos existentes, senón continuar tamén a recoller información para que esta tarefa continúe “viva” ao longo dos próximos anos. 

Os menores e as novas tecnoloxías

O acordo establece tamén a celebración de varias actividades no marco do programa “Rapaciñ@s” como unha xornada sobre os menores e as novas tecnoloxías, que combinará unha sesión informativa para pais e nais con actividades lúdicas para os máis pequenos.

 

Esta actividade complementarse con 20 charlas divulgativas nas principais cidades de Galicia orientadas ás dúbidas e preocupacións de pais e nais sobre a relación dos seus fillos coa Rede e para orientalos sobre os beneficios e os riscos da tecnoloxía, recomendacións sobre o uso seguro dos diferentes dispositivos TIC, técnicas de control parental ou información sobre os organismos aos que poden acudir en caso de dúbida, entre outros aspectos. 

Sesións divulgativas sobre as profesións tecnolóxicas

Ante a crecente demanda de profesionais preparados para a economía dixital, o CPEIG e a Amtega celebrarán cinco xornadas formativas en distintas localidades galegas, dirixidas a estudantes de Bacharelato e ás súas familias, sobre as saídas profesionais da Enxeñaría en Informática, poñendo en valor non só a demanda de profesionais existente neste campo, senón tamén as áreas de aplicación da tecnoloxía. Deste xeito, membros do colexio darán a súa visión sobre a profesión, as saídas laborais, os perfís profesionais e as perspectivas de futuro. 

Formación a empregados públicos

Facilitar a adaptación dos empregados públicos ao novo contexto dixital é outra das liñas de actuación da Amtega dentro do Plan de Goberno e Administración dixital. Neste contexto o CPEIG impartirá seis cursos, eminentemente prácticos on-line e presenciais, nos que se formará aos traballadores en metodoloxías e técnicas que poidan aportar valor ao seu traballo diario.  

A Amtega achegaralle ao CPEIG 65.000 euros para o desenvolvemento das accións previstas