Valoración da PNL sobre a Enxeñaría Informática, presentada polo grupo Ciudadanos no Congreso

Comunicado redactado polo Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática
Congreso

O Grupo Parlamentario Ciudadanos no Congreso dos Deputados rexistrou unha Proposición Non de Lei (PNL) sobre a enxeñaría informática e a enxeñaría técnica informática na que se insta ao Goberno a que a enxeñaría informática teña o mesmo trato có resto das enxeñarías, e en particular solicítase que se subsane a anormal situación regulatoria actual incluíndo a enxeñaría técnica e enxeñaría informática na relación de profesións e actividades reguladas da actualización do Real Decreto 1837/2008 de Recoñecemento de Cualificacións Profesionais, actualmente en tramitación por parte do Goberno.

Así mesmo, ínstase ao Goberno a adaptar a normativa que proceda para que os titulados en enxeñaría  informática e enxeñaría técnica informática poidan obter a tarxeta profesional europea ao mesmo nivel có resto de profesións.

Para os profesionais, a universidade e os estudantes destas titulacións representados en CCII, CONCITI, CODDII e RITSI, non se pode nin se debe demorar máis a solución ao colectivo, dado o problema que se suscita cada vez que aparece un novo texto normativo ou lexislativo que afecta ao exercicio profesional, á homologación ou ao recoñecemento destes profesionais, ou  ás taxas de máster ou o acceso a bolsas destes  estudantes. Por iso, solicitamos resolver a anormal situación regulatoria que provoca este agravio dos estudantes e profesionais das enxeñarías informáticas respecto ao resto de enxeñarías.

Malia ser un colectivo profesional clave no proceso de transformación dixital das empresas necesario para este país e continuo motor de impulso e transformación da economía, ata a data os distintos gobernos non resolveron esta rocambolesca situación. Desde o colectivo, entendemos que a tramitación da actualización do Real Decreto 1837/2008 de Recoñecemento de Cualificacións Profesionais, que entre outras cousas introduce a posta en marcha da tarxeta profesional europea, é o momento adecuado para dar solución a este tema, razón pola cal CCII, CONCITI, RITSI e CODDII se mobilizaron o pasado mes de xuño, reivindicándolle ao Goberno e a todos os partidos políticos realizar as accións necesarias para acadalo.