O CPEIG convoca o Premio Fin de Carreira cunha dotación económica de mil euros

Os tres finalistas, seleccionados por unha comisión experta, beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta
estampilla PFC

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convoca a oitava edición do Premio Proxecto Fin de Carreira, dotado con mil euros. O galardón quere ser un estímulo para os estudantes e recentemente titulados en Enxeñaría en Informática ou Máster en Enxeñaría Informática. 

Tal e como se recolle nas bases, poden concorrer ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros que presentaran nunha universidade galega nos anos 2015, 2016 e 2017 o proxecto fin de carreira de Enxeñaría en Informática, traballo fin de máster de Enxeñaría Informática ou calquera outra titulación que legalmente habilite ou vincule para o exercicio da profesión. 

Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa  (ficha resumo do proxecto, resumo  e memoria completa do mesmo) ata o día 10 de maio ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura están xa dispoñibles no portal www.cpeig.gal. 

Mediante a organización deste premio, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación gratuíta e a asistiren de balde á "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia". O gañador ou gañadora recibirá, ademais, unha gratificación económica de mil euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das 3 universades galegas, valorará os proxectos recibidos e seleccionará o traballo gañador. 

Noite da Enxeñaría en Informática

A convocatoria realizada polo CPEIG insírese nos premios da "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", que o ente colexial organizará o día 16 de xuño, en Santiago de Compostela. Este evento anual, ademais de representar un punto de encontro entre todos os colexiados, conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.