O CPEIG solicitoulle ao Sergas unha reunión urxente para tratar a última convocatoria de especialistas en sistemas e tecnoloxías

A convocatoria exclúe os licenciados/enxeñeiros en informática do proceso no caso das prazas tipo C1

 

logo sergas

O  Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) dirixiulle o pasado día 14 de xaneiro unha carta a Margarita Prado Vaamonde, directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, para solicitarlle unha entrevista urxente en relación a unha convocatoria de “especialistas en sistemas e tecnoloxías da información”. 

Na convocatoria do Sergas, publicada o pasado 10 de xaneiro, malia que se convocan prazas de “especialista en sistemas e tecnoloxías da información”, exclúense os licenciados/enxeñeiros en informática do proceso no caso das prazas tipo C1 e, en troques, inclúense todo tipo de titulacións como válidas para o caso das prazas de tipo A2.

O CPEIG considera de suma gravidade e discriminatoria esta convocatoria, polo que se dirixiu á responsable do Sergas co ánimo de explicarlle persoalmente o desacerto das bases e convidala a emendar o erro, como recentemente xa fixeron outras administracións públicas a petición do Colexio.

 Defensa da profesión

Mediante a petición da entrevista coa responsable de Recursos Humanos do Sergas, o CPEIG atende aos seus fins esenciais: a representación exclusiva da profesión e a defensa dos intereses profesionais dos titulados/as, ademais de exercer “a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins e, especialmente, a representación e defensa da profesión ante calquera administración pública, institución, tribunal, entidade e particular, podendo exercitar o dereito de petición conforme á Lei e propoñer cantas reformas lexislativas estime xustas para a defensa da profesión”.

 Máis información:

https://extranet.sergas.es/opewb/docs/gal/Personal/Doc/OPE/Cat240/ConvocatoriaAnuncioG0003-291216-0001_gltistrabsoc-20170110085137_gal.pdf