A recompilación dos Faladoiros Dixitais 2016 xa está dispoñible na web www.profesionsdixitais.org

A publicación recolle artigos dos relatores que participaron na segunda edición da campaña 1 mes, 1 profesión dixital
1 mes

A recompilación dos Faladoiros Dixitais 2016 xa pode consultarse na web www.profesionsdixitais.org, nun libro que recolle artigos dos relatores que participaron na segunda edición da campaña 1 mes, 1 profesión dixital. Deste xeito, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), promotores da iniciativa, queren favorecer o acceso permanente aos contidos dos seis encontros desenvolvidos o pasado ano. 

Prologada pola directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a publicación inclúe textos arredor de temas tan actuais como o big data, o cloud computing, a creatividade dixital, a ciberseguridade, a Internet das cousas (IoT) e a robótica. Os autores son, ademais, recoñecidos expertos nestas materias.

O libro mantén o deseño e a estrutura da recompilación de artigos dos relatores da primeira edición de 1 mes, 1 profesión dixital, que segue a estar dispoñible no botón correspondente ás xornadas de 2015 da web profesionsdixitais.org, creada para informar dos obxectivos e contidos da campaña.

1 mes, 1 profesión dixital

A campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital 1 mes, 1 profesión dixital arrincou en 2015 co obxectivo xeral de crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego.

 

Tras un primeiro ciclo de seis xornadas, o interese da iniciativa levou á súa continuidade en 2016, con seis novos faladoiros dixitais que percorreron as cidades da Coruña, Santiago, Vigo, Ourense e Lugo entre os pasados abril e outubro.