Cinco finalistas optan ao premio ao mellor traballo fin de grao convocado pola FIC

En xaneiro saberase o nome dos gañadores dos 1.500 euros do primeiro premio e dos dous accésit de 500 euros
Cartel do premio

Cinco finalistas optan ao premio ao mellor traballo fin de grao aplicado da Facultade de Informática da Coruña (FIC), que dará a coñecer os gañadores neste vindeiro xaneiro. O vencedor levará 1.500 euros e outros dous dos seleccionados recibirán un accésit de 500 euros cada un deles. A iniciativa, que vai pola segunda edición, diríxese ao alumnado con cualificación de matrícula de honra que defendese o seu traballo no curso 2015/2016.  

Os finalistas son:

·   Josman Pedro Pérez Expósito, polo seu proxecto para o control de produción dun viñedo a través de sensores, co obxectivo de mellorar a calidade e aumentar o volume baseándose en factores externos e internos accesibles mediante unha interfaz web.

·        Juan Santos García-Toriello, quen presentou un sistema integrado para a creación e publicación de levantamento catastral na República de El Salvador.

·     Elías Grande Casedas, polo sistema para o manexo e xestión de árbores familiares orientadas ao apoio ao diagnóstico clínico de enfermidades hereditarias.

·        Esteban Abanqueiro Agrelo, co deseño e implantanción dunha aplicación web para a xestión de proxectos de homologación de reformas en vehículos para unha empresa real.

·  Óscar Blanco Novoa, quen defendeu un sistema de domótica para a xestión enerxética intelixente.

Desde o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia dámoslles os parabéns aos cinco finalistas e á Facultade de Informática pola creación deste premio que recoñece o talento e o esforzo do seu alumnado.

A iniciativa conta co apoio de Everis, Grupo Voz, Indra, Instituto Tecnolóxico de Galicia e Telecom; e coa colaboración do CITIC e da Fundación Universidade da Coruña. Podes consultar máis información do premio na ligazón http://ptfg.fic.udc.es/.