O presidente do CPEIG intégrase como experto no comité técnico do Congreso de Cidades Intelixentes

O encontro sobre smart cities terá lugar os días 26 e 27 de abril en Madrid
congreso cidades

Tralo éxito das dúas primeiras edicións do Congreso de Cidades Intelixentes, celebradas en marzo de 2015 e abril de 2016, o Grupo Tecma Red e o Foro Sectorial de Cidades Intelixentes organizarán a terceira edición deste evento os días 26 e 27 de abril do ano que vén. Un ano máis, o Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática (CCII nas súas siglas en castelán) é unha das entidades colaboradoras.

O presidente do CPEIG e vicepresidente do CCII, Fernando Suárez, participa no comité técnico do congreso como experto. Dentro do comité intégranse representantes de alto nivel das Administracións públicas, colectivos profesionais implicados, asociacións, organizacións e as institucións máis representativas das diferentes temáticas relacionadas coas cidades intelixentes.

O comité busca que o congreso potencie o intercambio de coñecemento e experiencias sobre as cidades intelixentes en España, co emprego da tecnoloxía e a innovación como ferramentas base do desenvolvemento.

A asistencia a este encontro profesional permitirá coñecer as últimas novidades e aspectos sociais, tecnolóxicos, estratéxicos, económicos e legais, ademais de iniciativas e proxectos innovadores relacionados coas smart cities.

Temáticas

No III Congreso Cidades Intelixentes contemplarase unha ampla variedade de áreas e temáticas a través de relatores destacados pola súa experiencia, coñecementos e capacidade de comunicar.

Establécense inicialmente as seguintes áreas temáticas:

Innovación social

Mobilidade urbana

Eficiencia enerxética, xestión medioambiental, habitabilidade e recursos urbanos

Xestión intelixente  de infraestruturas e servizos públicos

Goberno, economía e  cidadanía

Seguridade e servizos asistenciais ás persoas

Destinos turísticos intelixentes

Illas e territorios rurais intelixentes

 Máis información : http://www.congreso-ciudades-inteligentes.es