O CPEIG modera este sábado unha mesa redonda sobre o uso axeitado das novas tecnoloxías por parte das persoas con discapacidade

O Hostal dos Reis Católicos acolle a xornada organizada pola Fundación Mapfre e Down Compostela

Logo CPEIG

A Escola de Familias da Fundación Mapfre, en colaboración con Down Compostela, organiza o sábado día 8, en Santiago de Compostela, unha xornada para reflexionar sobre a necesidade de incorporar á vida cotiá das persoas con discapacidade o uso das tecnoloxías da comunicación e analizar como estas contribúen a favorecer a súa autonomía e vida independente. A xornada desenvolverase no Hostal do Reis Católicos de 09.00 a 13.45 horas. A entrada é libre previa inscrición. Máis información: http://www.downcompostela.org.

 O director da Escola de Familias e Discapacidade da Fundación Mapfre, Gonzalo Berzosa, impartirá a charla “Conectados somos máis autónomos. A tecnoloxía ao servizo da seguridade, a iniciativa e a vida independente”. Así mesmo, nunha mesa redonda coordinada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, as propias persoas con discapacidade, familiares e profesionais que traballan habitualmente co colectivos debaterán sobre o uso axeitado das novas tecnoloxías como ferramentas para fomentar o desenvolvemento persoal e a vida autónoma. 

Na xornada trataranse aspectos clave como son as vantaxes que achegan á vida independente, as dificultades para normalizar o uso das novas tecnoloxías entre as persoas con discapacidade, as resistencias e medos das familias, e as oportunidades que xeran para a inclusión social e laboral.