A Real Academia Galega das Ciencias convida os nosos colexiados a asistiren aos actos do “Día Da Ciencia”

Homenaxe ao químico Ignacio Ribas e premio para o xornalista Raúl Romar

Logo CPEIG

A Real Academia Galega das Ciencias (RAGC) organizará o vindeiro sábado 8 de outubro o “Día da Ciencia”, un evento no que renderá homenaxe a Ignacio Ribas, distinguido como Científico Galego 2016, e no que se lle entregará un premio ao xornalista Raúl Romar. Trátase dun acto público que terá lugar na Aula Magna da Facultade de Química, no Campus Vida, na Universidade de Santiago de Compostela. Expresamente están convidadas/os todas as colexiados e colexiadas do CPEIG a través do propio presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos González.

O químico Ignacio Ribas, galego de adopción e falecido en 1996, bautizou as substancias que descubriu con nomes como “santiaguina”, “pontevedrina”, “orensina” e “coruñina”. Moi reivindicativo co financiamento da ciencia e coa conexión entre a investigación e a empresa, foi colaborador de Zeltia e do Instituto Servet. Mediante a homenaxe que a RAGC lle renderá o sábado, a institución quere reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas. O recoñecemento, que coincide co vixésimo aniversario do pasamento do investigador, foi aprobado unanimemente polos académicos, quen tiveron en conta o papel de Ribas como artífice do despegue da química orgánica en Galicia grazas aos seus traballos sobre a obtención de produtos naturais a partir de especies vexetais autóctonas, continuado pola numerosa escola de discípulos aos que formou.

Dentro tamén dos actos conmemorativos do “Día da Ciencia”, o I Premio Galicia de Xornalismo Científico será recollido polo xornalista de La Voz de Galicia Raúl Romar.

Podes obter máis información na páxina web da RAGC http://www.ragc.gal/es/dia-de-la-ciencia-en-galicia-2016-ignacio-ribas.