O CPEIG participou no CEDI, o congreso español máis relevante sobre Informática, que tivo lugar en Salamanca

Entre outras cuestións, abordouse o rol dos colexios profesionais na Enxeñaría

CEDI

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, vén de participar  nunha mesa redonda na V Edición do Congreso Español de Informática, que se  celebrou do 13 ao 16 de setembro na cidade de Salamanca.  Suárez, quen tamén é vicepresidente do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría Informática (CCII nas siglas en castelán), interveu na mesa redonda sobre o rol dos colexios profesionais na Enxeñaría en Informática.

O CEDI, estruturado en formato multi-congreso, é o máis importante dos que se celebran en España e cobre todos os campos nos que incide a Informática. 

Os compoñentes da mesa redonda debateron o papel dos colexios no futuro da Enxeñaría en Informática. Participaron Jacinto Canales, vicesecretario do CCII, quen actuou como moderador; Fernando Suárez, vicepresidente do CCII e presidente do colexio galego; Pablo Santos, vicedecano do Colexio de Castela e León, e fundador da empresa Códice Software; Eduardo Vendrell, presidente da Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñaría Informática (CODDI nas siglas en castelán); e Javier Soriano, Director da ETSI Informáticos da UPM.

Os representantes dos entes colexiais, das universidades e empresas destacaron a importancia dos colexios na definición da profesión. Así sinalaron tanto o eido académico (coa participación nos plans de estudo e formando parte de comisións universitarias,  coma na verificación dos mesmos mediante as diferentes axencias como ANECA ou ACSUG) coma o empresarial, onde se demandan máis profesionais cualificados e é fundamental a calidade da ensinanza e da especialización, e na que cada vez se toman posicións máis estratéxicas e de dirección.

Tamén se destacou o labor dos entes colexiais na formación continuada dos profesionais e no papel relevante que deben xogar as e os enxeñeiros en Informática nas administracións e na toma de decisións de futuro no país.

A edición do CEDI do presente ano estivo organizada pola SCIE e o grupo de investigación BISITE da Universidade de Salamanca.