O CPEIG reuniu máis de 80 persoas nunha Xornada sobre Ciberseguridade

O faladoiro dixital contou con relatores expertos do Incibe e de empresas punteiras

Logo CPEIG

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2016.- Un novo faladoiro dixital organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) tivo lugar esta mañá dentro da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital. Os relatores convidados abordaron a ciberseguridade no Salón 1 do Edificio CINC da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. Máis de 80 inscritos seguiron a xornada.

Despois da benvida institucional a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e da xefa do Departamento da Información da Amtega, Felicitas Rodríguez, interveu Susana de la Fuente, coordinadora de Xestión do Talento do Instituto Nacional de Ciberseguridade de España (Incibe). Por parte da empresa téxtil Adolfo Domínguez falou  Pablo Aranda, responsable de Microinformática, e en representación da adega Paco&Lola participou Carlos Rodríguez, responsable de Proxectos TI.

Un debate final entre todos os relatores, aberto tamén á participación das persoas asistentes, pechou a xornada.

1 mes, 1 profesión dixital

A campaña 1 mes, 1 profesión dixital desenvolve a segunda edición durante o presente ano abordando as oportunidades profesionais e boas prácticas. O obxectivo xeral é crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado entre o CPEIG e a Amtega