O CPEIG conta con novos estatutos para velar pola nosa profesión

O DOG publicou o pasado 9 de agosto o decreto que aproba os novos textos

Logo CPEIG

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado día 9 de agosto o Decreto 100/2016, do 7 de xullo, polo que se aproban os estatutos do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Trátase da materialización do acordo acadado en distintas asembleas xerais, a última delas celebrada o 21 de maio  do presente ano, para a modificación dos estatutos, que foron presentados no seu día na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do Goberno galego.

Deste xeito, quedan derrogados os anteriores estatutos “e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto”, sinala o texto publicado.

A modificación dos textos conta cunha traxectoria que comeza no ano 2013, pola necesidade de adaptalos aos cambios normativos xurdidos, na súa maior parte a partir da coñecida como Lei Ómnibus: nome que recibe a lei 25/2009, de 22 de decembro de modificación de diversas normas legais para a súa adaptación á lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

Desde aquela, producíronse alegacións da Xunta de Galicia, un informe do Consello de Colexios, a aprobación dos estatutos do Consello Xeral de Colexios, un novo informe do Goberno galego, alegacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e do Consello de Colexios, e novas alegacións da Xunta que conforman a traxectoria da modificación dos estatutos xa publicados no DOG. 

Colexiación dos novos títulos de máster

Entre os cambios máis destacados, o novo redactado permite a colexiación dos novos títulos de máster, adaptados ao Espazo Europeo de Ensinanza Superior (EEES). 

Así mesmo, artigo 4 sinala explicitamente, na súa nova redacción, a posesión do título de enxeñaría en informática: “o Colexio agrupará baixo a denominación de membros colexiados de número as persoas españolas e estranxeiras que exerzan a profesión de enxeñaría en informática por estar en posesión do título de enxeñaría en informática, dun título universitario oficial vinculado coa profesión de enxeñaría en informática ou ben se atopen en posesión dun título universitario debidamente homologado ou declarado equivalente ao anterior polo ministerio competente”. 

Pola contra, na versión xa derrogada sinalábase: “por estar en posesión dun título universitario oficial vinculado coa profesión de enxeñaría en informática ou ben se atopen en posesión dun título universitario debidamente homologado ou declarado equivalente ao anterior polo ministerio competente”.

Tamén é máis explícito o artigo 11, que sinala que o requisito para ser colexiado é “estar en posesión do título de enxeñaría en informática, dunha titulación universitaria oficial vinculada co exercicio da profesión de enxeñaría en informática, ou ben atoparse en posesión dunha titulación universitaria”, cando na anterior redacción non se sinalaba especificamente a titulación de enxeñaría en informática.

Ao abeiro da nova versión dos estatutos, e ao igual que aconteceu baixo á anterior, a Xunta de Goberno do CPEIG continuará a velar polos intereses das e dos colexiados, así como da profesión.

AdxuntoTamaño
estatutos_cpeig_dog_9_agosto_2016.pdf928.45 KB