Innovación e as universidades galegas crearán oficinas de software libre nos campus

A Consellería de Innovación e Industria e as universidades galegas fomentan o software libre.

Acto software libre. Blanco e os reitoresCómpre máis software libre no eido universitario galego e, polo tanto, máis marxe de manobra para o fomento da innovación. Este ben podería ser o piar sobre a que se asentan os acordos asinados hoxe entre a Consellería de Innovación e as tres universidades galegas e que van dirixidos a fomentar a presenza do código aberto en todos os niveis da vida académica: dende o fondo e a feitura do estritamente educativo até as ferramentas informáticas postas a disposición dos sete campus e/ou desenvolvidas dentro deses sete campus.

A iniciativa, que no seu conxunto leva un orzamento de 445.012 euros, abrangue o desenvolvemento de actividades formativas e de implantación de informática aberta, tarefas que serán coordinadas e levadas a cabo por cadansúa oficina universitaria de software libre.

A idea é que esas oficinas (entre outros equipamentos humanos e técnicos) conten con coordinadores a tempo completo e que estean en comunicación directa (con diálogo e cooperación en sentido duplo) co Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza da Consellería, a plataforma Mancomún. As oficinas tamén terán que incorporar contidos á web de mancomun.org e colaborar na difusión das actividades e información da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.