Expertos en Ciberseguridade danse cita en Compostela a semana vindeira nunha xornada organizada polo CPEIG

A seguridade e a privacidade son dous grandes retos aos que se enfrontan a cidadanía e as administracións

Logo CPEIG

Un amplo elenco de expertos en ciberseguridade daranse cita en Santiago de Compostela o vindeiro 16 de xuño convidados polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), baixo o patrocinio da firma Emetel e a colaboración de Deputación Coruña, Abanca e Ackcent. Mediante a “I Xornada de Ciberseguridade en Galicia. Protexendo os nosos Activos”, o colexio profesional conecta co reto da seguridade e a privacidade, unha das principais preocupacións de usuarios e administracións.

 

A asistencia ao encontro é aberta, previa inscrición no correo electrónico eventos@cpeig.gal e terá lugar no Centro Abanca Obra Social, na praza de Cervantes, en Santiago de Compostela. Programa

A xornada comezará ás 10 da mañá cunha benvida institucional na que participarán o presidente do CPEIG, Fernando Suárez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o director xeral de Emetel, Manuel Lago; e Roberto Baratta, Global Executive VP and director of Loss Prevention, Business Continuity and Security de Abanca.

A continuación, ofrecerase uha serie de relatorios a cargos dos seguintes expertos: Francisco García Morán, chief IT advisor da Comisión Europea; Daniel Fírvida, IT security analyst, CEH, GCFA&CISSP do Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe); e Gianluca D’Antonio, director de Seguridade da Información e Riscos Tecnolóxicos do ISMS, Asociación Española para o Fomento da Seguridade na Información.

Despois dun descanso, celebrarase a mesa redonda "Ciberseguridade, retos diante da nova ameaza", moderada por Roberto Baratta e na que intervirán Guillermo Llorente, subdirector xeral de Seguridade e Medio Ambiente de Mapfre; Román Ramírez, fundador de Roote, responsable de Seguridade en Arquitecturas, Sistemas e Servizos de Ferrovial; e Fernando Picatoste, leader of Security Practice de Deloitte España.

Ás 13 horas terá lugar unha nova mesa redonda baixo o epígrafe de "As empresas galegas no novo contexto tecnolóxico", moderada por Domingo Olmos, chief sales officer de Ackcent e expresidente do Colexio Oficial de Enxeñaría Informática de Cataluña (Coeinf). Intervirán Andrés Tarascó, socio fundador de Tarlogic Security e director da área de Ciberseguridade, especialista en seguridade informática e hacking ético; Rafael Ave, director adxunto de Emetel; e Carlos Eloy López Blanco, xerente de Tecnoloxía e Contornos Colaborativos de Estrella Galicia.

O peche da xornada está previsto ás 14 horas coa intervención de Domingo Olmos, Fernando Suárez, Roberto Baratta e Francisco García Morán.

Xornada Ciberseguridade 

87% das pemes afectadas

Segundo os datos que manexa o CPEIG, de acceso a través dos medios de comunicación, o 93 por cento das grandes organizacións e o 87% das pemes tiveron unha fenda de ciberseguridade no último ano. O tempo medio de reacción tras un ataque informático é, a nivel mundial, de 256 días.

Os atacantes informáticos profesionalizáronse e os expertos alertan de que a súa motivación xa non é técnica nin intelectual, senón económica e política. Trátase dun risco global que pode ter gravísimas consecuencias para a economía ou a seguridade da cidadanía, alerta o CPEIG.

Con máis de 70.000 ciberincidentes, España foi o ano pasado o terceiro país do mundo, tras Estados Unidos e Reino Unido, que máis ataques sufriu. Non se trata só dun dano virtual, senón físico en coches, dispositivos médicos, fábricas, redes eléctricas e de comunicacións, etc.

En opinión do CPEIG, a resposta vai máis alá da tecnoloxía, require un enfoque multidisciplinar, e unha estreita colaboración de gobernos e empresas que cómpre reforzar. Xornadas como a que convoca o CPEIG, fortalece ese enfoque máis amplo.