O CPEIG réndelle mañá venres homenaxe á Informática e aos seus Profesionais nun evento ao que asistirán máis de 300 convidados

Empresas, institucións, mulleres e homes galardoados na “Noite da Enxeñaría en Informática” dan conta da Galicia innovadora

Logo CPEIG

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2016.- As colexiados e colexiados do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) reúnense mañá venres en Santiago de Compostela na “Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” para poñer de relevo o papel da informática e dos seus profesionais na sociedade actual.

Baixo a presidencia de Fernando Suárez, máximo representante do CPEIG, o evento contará cun cóctel de benvida, a entrega dos galardóns anuais do Colexio e unha cea de gala. A estrela televisiva Leo Harlem actuará como mestre de cerimonias nun evento que congregará máis de 300 persoas, exemplo da Galicia innovadora. Empresariado, representantes públicos e colexiados daranse cita no Hotel-Monumento San Francisco.

Os galardoados na oitava edición da “Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” son:

Premio Proxecto Fin de Carreira: María García García polo proxecto Estratexias transaccionais para lograr High-Perfomance en aplicacións JEE7. O obxectivo do traballo é maximizar a eficiencia dos sistemas de transacción garantindo a integridade e consistencia dos datos.

Premio Iniciativa Emprendedora: a empresa NLPgo, con sede en Bertamiráns (Ames), nace en 2015 coa vocación de ser o apoio informático necesario para calquera lingüista ou grupo de lingüistas que non dispoñan do  soporte informático suficiente para levar a cabo os seus proxectos. 

Premio e-Inclusión: Fundación Vodafone España, pola súa acción social, que realiza con proxectos apoiados en desenvolvementos das TIC a prol das persoas maiores e das persoas con discapacidade baixo o epígrafe “Connecting for Good”. 

Premio Ada Byron:  Nieves Rodríguez Brisaboa, catedrática da Universidade da Coruña da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos,  creou en 1996 o Laboratorio de Bases de Datos (LBD,) declarado como grupo de investigación de excelencia pola Xunta de Galicia, que dirixe desde entón. 

Premio Iniciativa da Administración:  Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo seu proxecto Civil UAVs Initiative. Esta iniciativa, centrada no sector dos avións non tripulados, suporá un investimento de 115 millóns de euros, a creación de 600 empregos e a mellora da concorrencia industrial galega. 

Premio Iniciativa Empresarial: Autoridade Portuaria da Coruña, polo proxecto Smart Port A Coruña, desenvolvido pola UTE Avante Emetel-Altia. O Porto da Coruña aposta por unha solución tecnolóxica a medida que innova sobre solucións existentes e que inclúe investigación e desenvolvemento de novas  funcionalidades. 

Premio Traxectoria Profesional: Patricia Rodríguez Dapena, fundadora e CEO dunha empresa asentada en Vigo a través da cal traballa en proxectos relacionados con satélites, coma o Meteosat, e sectores como a automoción. Foi enxeñeira de software e de calidade de software en diferentes empresas españolas e tamén foi staff da Axencia Espacial Europea en Holanda (ESTEC). 

Recoñecemento á Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo polos seus 25 anos de brillante traxectoria desde o campus de Ourense. 

Colexiado de honra: Alejandro Pazos Sierra, catedrático da Universidade da Coruña cunha dilatada carreira profesional como investigador, docente e xestor, é pioneiro en servirlle á medicina desde a intelixencia artificial. Fundou o Grupo de Informática Biomédica (GIB), pioneiro en España nesa área, na Universidade Politécnica de Madrid, e en 1990 o GIB na UDC, pioneiro en Galicia.

Todos os premiados recibirán unha estatuíña conmemorativa, agás a gañadora do Premio Proxecto Fin de Carreira, quen tamén recollerá un cheque por valor de mil euros.