María García, gañadora do Premio Proxecto Fin de Carreira do CPEIG

Recibirá 1.000 euros o vindeiro venres, día 3 de xuño, na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

Maria Garcia

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2016.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de fallar o Premio Proxecto Fin de Carreira, que nesta oitava edición da Noite da Enxeñaría en Informática distingue a ferrolá María García García polo proxecto Estratexias transaccionais para lograr High-Perfomance en aplicacións JEE7. O obxectivo do traballo é maximizar a eficiencia dos sistemas de transacción garantindo a integridade e consistencia dos datos.

O proxecto parte dunha aplicación que actualmente usan a diario os traballadores dunha aseguradora alemá, e que mostra un comportamento lento e mesmo chega a bloquearse cando a usan moitos usuarios á vez. Na busca dunha mellor eficiencia, o traballo consiste en illar o problema da aplicación e crear un prototipo máis sinxelo que represente a aplicación e o problema en cuestión. O obxectivo é, tras o estudo de diferentes estratexias transaccionais, poder refactorizar o código da aplicación orixinal coa más axeitada e resolver así o problema.

Informática e emprendedora

María García estudou Enxeñaría Informática na Universidade da Coruña e xa nos últimos anos da carreira, grazas ao programa Erasmus, se trasladou a Alemania para realizar un máster internacional en IT na Universidade de Stuttgart, rexión líder en tecnoloxía en Europa. Esta estadía e o coñecemento do idioma facilitoulle o desenvolvemento do Proxecto Fin de Carreira nunha empresa alemá especializada en consultaría IT e enxeñaría do software.

Segundo ela mesma conta, a súa inquedanza por emprender os seus propios proxectos tróuxoa de volta a España, para instalarse en Barcelona e converterse “en co-fundadora, enxeñeira informática e emprendora a tempo completo de Kobabunga.com: unha plataforma online de avaliacións e opinións sobre empresas, onde os traballadores axudan coas súas experiencias a futuros empregados a atopar unha empresa que os namore”.

O Premio

O Premio Proxecto Fin de Carreira está dotado con 1.000 euros. Mediante o galardón, o ente colexial busca achegarse ao colectivo máis novo de enxeñeiros e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes de Enxeñaría en Informática. 

A galardoada recibirá o premio o vindeiro día 3 de xuño no Hotel-Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, na oitava edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. O evento representa un punto de encontro entre todos os colexiados e conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos.

Sobre o CPEIG

O CPEIG é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.